lunes, 6 de agosto de 2018

QUE BEN ESTAMOS AQUÍ


Estes pasados días foron para proclamar esta frase de Pedro no alto da montaña. O sábado un grupiño de persoas vivimos un día de deserto na Franqueira. Na aba da montaña da Paradanta fixemos o que di o pai "este é o meu Fillo, escoitñadeo". Pois foi fundamentalmente o que fixemos, poñernos en actitude de escoita nun ambiente de oración. 
Unha liturxia das horas pausada e meditada abriu boca para a lectio. Dous textos foron guía desta xornada a multiplicación dos pans e dos peixes e a oración sacredotal da última cea de Xesús no capítulo 17 de San Xoán. Unha palabra orada con calma, sen presas. Unha palabra compartida no diálogo posterior e que nos axudou a descubrir no irmán unha comunicación da mensaxe actualizada do Evanxeo.
Quero dar grazas a todos pola participación e poa ilusión e fe compartida.

O vindeiro mércores, día 8, despois da Misa solemne das 12 da mañá, faremos o camiño de subida ao Coto da vella. Traemos o bocata e a camiñar para chegar, subindo o Vía Crucis xa rematadas as cruces, ao lugar tan entrañable onde se atopou a imaxe da Virxe da Franqueira.
Unha subida ao Tabor solidarizándonos cos que viven a experiencia da cruz na vida.

Evanxeo: Mc 9, 2-10
Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
-¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra,mentres saía dela unha voz:
-Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos".






No hay comentarios:

Publicar un comentario