domingo, 2 de agosto de 2026

TER FAME


TER FAME 

Rematadas as parábolas do Reino, Xesús recibe a triste noticia do asasinato do seu curmán Xoán Bautista. Necesita facer duelo. Quere retirarse a un lugar apartado e solitario. É un punto decisivo na misión e necesita rezalo e dialogar co Pai. E a manifestación da vontade do pai realízase a través da acción. Unha morea de xentes de todas partes anda á busca de Xesús. Chegan a un lugar apartado. Como un rabaño en busca de alimento. Como un pobo polo deserto. Como a humanidade en busca de esperanza.

A compaixón pódelle a Xesús e fai da súa necesidade servizo. Ponse a disposición de todos coa palabra e coa sanación dos doentes. Agora queda rematar o día. É necesario despedir á xente. Esa é a proposta dos discípulos. Que busquen onde comer. Non hai máis que cinco bolos de pan e dous peixes. 

Xesús revirte a necesidade facéndoa posibilidade de presenza do Reino. Como lle pasou a el. Necesitaba silencio e do, reflexión e interiorización, e atopou a multitude. Agora os discípulos atopan a resposta na necesidade das xentes. "Dádelle vos de comer"

O problema non é ter fame. Cada día temos fame, sede, necesitamos cubrir a nosa desnudez, habitar casas, traballar, coidar a nosa saúde. Nacemos necesitados. Ter fame non é o malo, o que precisamos é ter a convicción de que temos qué comer. Porque cada día abres a neveira, preparas o xantar ou a cea. Tes o que precisas. Ter fame non é un problema para moitos de aquí, pero si que o é para millóns de seres humanos. Teñen fame e non teñen como alimentarse.

O mundo, os pobos, as xentes temos fame de pan e de xustiza, de paz e de esperanza, de concordia e de ledicia. Por iso as pequenas experiencias de cada día poden ser multiplicadas polo Señor en alimento para o mundo. O pequeno bolo de pan que tes cada día no sorriso, no abrazo, na escoita, no diálogo sincero, no compartir, no traballar xuntos, en crer no futuro,... como o fermento no medio da masa. Entrega a túa disponibilidade, o teu tempo, a túa ilusión, e o Señor multiplicará. El faise pan partido para a vida do mundo.

El nun pan e viño dános a presenza infinda do seu amor.