sábado, 24 de diciembre de 2022

BO NADAL DO SEÑOR


 Abriuse o ceo e borbollou
o manancial que non se esgota,
é vida sen fin
a noite pecha non escurece
a esperanza que Deus pon no corazón.

Ábrete do corazón chamado ao amor
o amencer dun abrente dará senso
a loita do home por acadar
xustiza, verdade e paz.
Na noite estrelecida, de desamparo
nace un novo día
un meniño acurrucado
sae ao encontro da humanidade.
Somos fillos da luz
fei tío da Palabra encarnada
que se amosa facendo
dos últimos os primeiros 
recollendo o que non conta
e erguéndoo ao trono da santidade.

Nestes días de festío
deixémnos facer feitío
do amor feito carne
non rematamos o camiño
para chegar ao destino
que a ninguén lle extrañe
que na tristura da vida
chegue o amorío.

Un saúdiño de amor
desde estas montañas
alonxadas do barullo
e non perdamos as mañas
de currucarnos no arrolo
da benquerida Naiciña
que no colo nos ten acollidas.

Felicidades
Bo Nadal a todos e todas

Xabier Alonso

domingo, 18 de diciembre de 2022

SOÑOS DE DEUS

 


Un soño, un camiño. Non o certeiro que buscamos ansiadamente, senón o angueiro que se abre por quirincostas empinadas, que nos obriga a extremar o esforzo. Os montañeiros cando chegan ao cumio dun pico erguen os ollos, e máis arriba xa non hai máis, a satisfacción do camiño andado, o esforzo ten a súa recompensa. Pero para isto adquiriu unhas destrezas, sentiu a fonda chamada da montaña, exercitou o corpo, dispuxo o materiar axeitado, e un labor de equipo. Chega á fin, pero todo estaba programado para isto. 

Os vieiros de Deus sonche ben distintos dos nosos. María e Xosé estaban a facer un proxecto de vida de namorados. Corazóns xemelgos no amor dun polo otro e dos dous en Deus. Desde as súas pobrezas materiais, pero cun corazón rico sobreabundantemente de fe, puxeran nas mans de Deus as súas vidas para ser unha familia xudea fiel aos mandatos do Señor. Pero o Señor abre o camiño a unha meta insospeitada, un soño imposible para os homes, unha tarefa desbordante, un labor sen fin. E María acepta enxendrar ao Fillo de Deus nas súas entrañas. Unha nova creación anunciada polos profetas, unha nova humanidade esperada polo pobo e o pobre, unha nova xustiza, pois Deus faise salvación nun coma nós, na fraxilidade, un renovado amor pois xa é un connosco. 

E Xosé queda no seu corazón golpeado, ferido que o amor quere superar, unha dor que o seu corazón quer sandar. E durme, pero non no pesadelo da violencia, senón na confianza do home xusto. E Deus amósalle un camiño, "non teñas medo". 

Está a rematar o advento. Desde antes de que comezara as rúas xa estaban a chamar pola ledicia. É tan fonda a tristura, o vacío e os medos, os camiños mezclados que non saben a onde ir, que necesitamos descumbrarnos. Non importa os gastos, importan os beneficios, non importan os consumos de carburantes nin as emisións de CO2 polo trasego de vehículos, importan os números de turistas, de dormidas; o que durme na rúa é invisible, o que transita entre a vida e a morte nun hospital é un alleo; o ferido no seu interior é un solitario; a familia desfeita na violencia é unha cifra. E dicimos a boca chea solidariedade, e os restos para os que non teñen rostro, nin historia, nin voz.

O camiño ninguén dixo que fora doado, pero ben é certo que o mundo o pon cada vez máis complicado.
Hoxe a Boa Nova é sermos soños de Deus no seu corazón amoroso

Feliz domingo

domingo, 11 de diciembre de 2022

ALEGRES NO SEÑOR




 Temos razóns para a ledicia? para rir?
Hai quen di que é mellor rir que non chorar, porque non están tempos de lamentacións. Ben é certo que no circo no que andamos a vivir hai moitas cousas que non fan graza ningunha. Ben vedes que está a area deste espectáculo cheíño de paiasos e bufúns que fan moi malas bromas xogando coas cousas de comer.
Tócanos aos crente amosar unha ledicia que non é deste mundo, ledicia que abrolla da rocha e o escudo que nos ampara, o Reino dos Ceos que nos alumea. Ledicia que nos fai berrar que os cegos ven, os gafos quedan limpos, os mortos resucitan e proclámaselle aos pobres a Boa Nova.
Tócanos ser profetas dunha esperanza nova e unha palabra alentadora. Profetas de realidades e non de espellismos, de certezas e non de ilucións, de confianzas e non de medos. Nós non somos arregla desastres, somos mensaxeiros dun tesouro que se implican nun fogar común do que nos sentimos responsables. Non é algo alleo, senón noso, herdado de que no-lo entrega para facernos del partícipes, a Fonte de amor e vida, Deus Pai entrañable.
Tócanos ser "Pepitos grillos" que falando amodiño dimos verdades coma puños, alentando no máis fondo que non está ben destruir o que nos é prestado, nin desfacer a feitura do creador, o home alentado desde o pensamento de Deus.
Tócanos ser sinal que anuncia perigo ou precausión, carril de aceleración ou atención curvas, que pomos o mapa ao día da ruta que nos conduce ao paraíso perdido.
Non vos preocupedades, temos moito por facer, mais confiando en que nos reclama resposta habemos chegar á fin.
Feliz domingo

Xabier Alonso

sábado, 3 de diciembre de 2022

NON PERDAS A ESPERANZA


 Unha voz do deserto.
Pregoeiro de verdades incisivas que amolecen o interior.
Xoán é o seu nome, extraño persoeiro que berra sen cesar convidando a unha nova xeira, camiños no medio do hermo.
 Berros que rastrexan adentrando no interior unha nova invitación.
Deixa o que non vale, o que fire as relacións, o que non da felicidade.
Quén poderá ser, no barullo do mundo, deserto de paixóns o que ppoida profetizar novas de radicalidade?
Ser profetas?. Ser mirada que dea folgos aos corpos doentes que perderon a esperanza? 
Agora chegan tempos de deixarse transformar, de dar pasos cara unha nova creación onde a harmonía deixe a un lado a violencia que mata aos irmáns.
Tempos de fraternidade que dispoñan a quen está por vir.
Un lume novo arrasa co seu furor o que xa está comesto da polilla, o que está entumecido coa piolla.
Pero o cerne conserva un álito vital que xermolará unha nova esperanza.
Non está todo perdido. Non baixamos os brazos.
Loita contra ti mesmo.
Deixa que o Espírito derrote o pesimismo que se esconde baixo unha fráxil felicidade que non da máis futuro que esperar que pase a noite.
Unha nova amencida rexurde no horizonte. A estrela que anuncia a chegada da verdade e a xustiza.
Vida. Vida e amor encherán o mundo para facer del fogar de irmáns.
Pode ser, coa forza do amor que non esmorece, o amor divino que ser fi un connosco.

Non perdas a esperanza.

Xabier Alonso