domingo, 28 de enero de 2024

XESÚS PASA FACENDO O BEN


 Xesús inicicia o seu ministerio proclamando, ensinando dun xeito novo, que chega ao fondo das persoas para rescatalas das ataduras da ignorancia, para que poidan ser libres nas súas decisión e destinos, para que acollan o don de ser fillos e fillas de Deus, para que coñezan a vontade do Pai, para que conduzan a súa vida ao amor auténtico. Non ven a cargar sobre nós pesadas leis e insoportables normas, senón a invitarnos, con él a facer o camino da lei do amor, que é moito máis radical, pero que se converte nunha cruz que se acolle desde ese amor. 

Xesús é o profeta que xurde no medio do pobo e que revela os misterios do Reino na fala e nos feitos. Xesús é a verba profética que se achega aos que viven sometidos polo mal. Así, nós, rezamos “non nos deixes caer na tentación”. Xesús libera a todos os que lles é arrebatada a súa condición humana polo mal. O exorcismo que realiza Xesús é o comezo da súa acción liberadora de toda a relidade humana. Así, se nós, como Igrexa, non so acudimos ao recate das persoas no material, senón que a raíz dos males ven do interior, que se atopa desfeito pola desesperanza e a tristura. O mal, o maligno, é división e violencia, non so física que xa a vemos nas guerras e as súas consecuencias e que son orixinados pola maldade que se apodera da condición humana, senón tamén das violencias interiores que nos alonxan da beleza da propia condición humana como fillos e fillas de Deus.

Neste domingo repite “non nos deixes caer na tentación, máis líbranos do mal”


Xabier Alonso



sábado, 13 de enero de 2024

SER ACOMPAÑANTES NO CAMIÑO

 


Despois de termos celebrado o Nadal comezamos o tempo ordinario. Cada domingo, día do Señor, ofrécesenos a oportunidade de escoitar con agarimo e agrado os acontecementos e as verbas que o Evanxeo van debullando do acontecemento salvador, a presenza de Deus no seu Fillo Xesús.

A palabra de hoxe fainos reflexionar sobre a importancia das mediacións na nosa vida. Elí, o ancián que acompaña na súa madurez a Samuel, axúdalle a discernir a chamada de Deus. Non eran frecuentes as revelacións e Samuel non sabe que lle chama no medio da noite, irrumpindo no sono. Deus chama polo nome. Samuel necesita saber que é o que pasa. Elí axúdalle.

Xoán Bautista indica que é o Año de Deus. Os seus discípulos andaban á busca. E seguen, grazas á mediación de Xoán. Onde vives? Preguntan. Vinde e veredes. Dilles Xesús.

Pensemos na cantidade de persoas, feitos, acontecementos que Deus pon no noso camiño da vida para facermos preguntas, para afianzar as nosas inquedanzas coas respostas. Dicimos: canto me gustaría ser boa persoa como Fulanito, ou ser feliz como Menganito. Ponlle nomes. Cando lemos as vidas de santos, ou reflexionamos na vida de María a Virxe, cando nos admiramos ante a heroicidade de persoas do día a día, ou nos interpelan as decisións de homes e mulleres que entregan a súa vida por unha causa. Pensamos que están feitos doutra pasta, e poden ser mediacións, camiño para chegar á fonte verdadeira da humanidade auténtica, ou da santidade que procede de Deus. Porque o Señor segue a chamarnos para estar con El, para deixarnos facer polo seu amor.

Podes ser ti tamén mediación? O gran interpelante, mediador, espello no que nos miramos e vitral no que se trasloce o rostro do amor de Deus é Cristo. Hoxe digámoslle como os primeiros discípulos, Onde moras? Pidámoslle ao Espírito que nos axude a ser Igrexa que amosa a cada persoa o corazón bondadoso do Pai. Que sexamos a compañantes no camiño da vida de tantos irmáns e irmás do noso eido, do noso mundo.

 

Feliz domingo

sábado, 6 de enero de 2024

FACERSE NENOS NESTE DÍA DE REIS


EPIFANÍA DO SEÑOR

Benqueridos amigos e amigas. Está a chegar ao seu fin estas datas da celebración do Misterio do Nadal. Días intensos e cargados, non so das emocións propias dos encontros familiares e das actividades que nos reúnen, sobre todo, cos máis pequenos da casa. Senón asemade, días de escoita serea e calma do rumor de Deus que se manifesta na pobreza da nosa condición humana. Ledicia dos ceos para os homes e mulleres de boa vontade, pois nun recuncho do mundo, na noite rexurde a luz da vida. Así son identificados estes días, como festas de luz, de ledicia e caricias, de cantos alegres e mesas compartidas, de agasallos e sorpresas, de miradas e abrazos.

Hoxe manifesta Deus a súa presenza aos Magos chegados de terras de afastadas. Quixera compartir convosco neste día de Reis tres notas:

Buscar, camiñar e adorar.

BUSCAR: é o que fan os magos. Estudosos das estrelas deciden seguir afondando no significado daquela que lles sorprende. Unha inquedanza fonda de querer saber máis e coñecer máis desde as ciencias e as posibilidades humanas. Unha inquedanza, a curiosidade, que abre unha nova ollada da vida e impulsa adentrarse non so no que buscas, senón como o fas e por que. Son moitas persoas que hoxe están dedicados ao campo da investigación e da ciencia, e moita xente nova quere facer desta tarefa o seu labor. Unha tecnoloxía cada vez máis avanzada e con novas tecnoloxías, que nos desbordan no inimaxinable. Necesitamos seguir afondando nesta necesidade de querer saber os por que da vida e do seu misterio, sen caer nunha sensación de ser poderoso ou invencibles. Moitas persoas consideran que hoxe dispomos de moita información, pero iso non é garante de que teñamos unha mellor calidade de formación e as capacidades de poder decidir de forma axeitada. O que podemos saber tamén llo debemos a moitos que traballaron a reo antes ca nós. Para buscar e investigar, para responder ás preguntas que nos facemos, necesitamos unha actitude: A HUMILDADE.


CAMIÑAR: condición indispensable e necesaria. Saír dos nosos recunchos e romper os lindes pondo ao servizo da comunidade o que sabemos e somos. Os magos, ou sabios, sempre pensamos que foron tres. Incluso os pomos de distintas razas e lugares. Lenda e boa nova conflúen no noso imaxinario. Estes sabios non fan o camiño cada un polo seu lado, deciden camiñar xuntos. Crer que podemos prescindir dos demais é un erro. Os magos de Oriente ensínanos a ser comunidade, a por en común, a deixarse acompañar e crear vínculos. Un camiño de universalidade. O camiño que fan os magos vai precedido dunha estrela que os guía, a fe que os une nun único proxecto. Para deixarse guiar necesitamos CONFIAR.

ADORAR: chegados onda o neno o adorna e lle entregan os seus agasallos. Son os magos que lles fan entrega do ouro, incenso e mirra ao que é Rei, Deus e Home. Necesitamos o sentido da adoración, prostrarse diante do Misterio, saber recoñecer a presenza do amor doado, cos magos facemos a ofrenda a quen é o Don máis grande recibido. Es así na Eucaristía. O pornos no altar, adoramos a quen se nos da e facemos a pregaria agradecida sendo entregados co Fillo como ofrenda agradable ao Pai.

Ollada limpa, corazón de neno e sorriso sincero, por iso para ser adoradores necesitamos FACERNOS NENOS

Feliz día de Reis.



 

viernes, 5 de enero de 2024

GRAZAS MAMÁ

 Queridos amigos. Como ben sabedes moitos, estes días foron tempos de despedida. No día en que finalizaba o ano e amencía o domingo da Sagrada familia, miña nai, remataba a súa peregrinación póndose nos brazos amados de Deus. Na madrugada, mentres dormía, ela, descansaba aos seus 92 anos nos brazos do seu Creador. Repousaba así do seu labor. Quero compartir con todos esta reflexión que abrolla do meu interior. 

GRAZAS MAMÁ

 


As persoas somos importantes, unhas para as outras, porque cada un aporta no tecido integral que nos conforma o froito inmenso de que temos recibido desde a gratuidade e o amor, desde o don de Deus, e, pómolo a facer un proxecto común que nos enriquece e humaniza a todos. Mamá, como papá, e cada un dos que somos membros desta pequena gran familia, dun engranaxe que fai posible que os Alonso Docampo, coas diversas ponlas, que se van enmarañando na historia e na biografía de cada un dos que a formamos; deron o mellor de si. Mamá e papá, que viviron a súa infancia nos anos da posguerra, decidiron comezar un proxecto de vida en plena xuventude. O 5 de febreiro de 1956 celebraron o seu enlace, mamá con 24 anos e papá con 22. Que madurez e que aventura!. Decididos e valentes, como eran estes mozos e mozas. Sen máis recursos que o posto, sen máis ilusión que a de comezar, ou seguir o que o corazón lles marcara. Un proxecto inicial, nun lugar, A Minada da Lamosa. Un recunchiño para terse e loitar pola vida. Os fillos foron chegando, os traballos eran moitos, os posibles poucos, e as decisións fortes. Traballo no mar e no campo, logo na construción e na fábrica. Estadía de papá no mar e no Grove e tarefa educacional compartida, pero levada na maior parte pola matriarca, por iso dicía que este engranaxe é formado por unha morea de xentes. Os tíos Eugenio e Lucila, os pais “postizos” e a familia espallada por tantos lugares, aquí e lonxe. Todos aportan de seu para que todos vaiamos sendo homes e mulleres de proveito.

 

O lombo partido polo traballo e tamén, como non, polos desgustos. O silencio e a verba decidida. E hoxe non pechamos o libro, senón que lemos con tenrura e gratitude un capítulo da nosa particular historia, semellante a de tantos. Da que somos capaces de sacar un sorriso do que outros fan un drama, na que nos miramos cómplices, que non somos de moitos bicos, nin exteriorizamos, pero penso que nos queremos, ou máis ben, nos demostramos o cariño e o amor no respecto nas diferenzas, na aceptación das decisións do outro, e se nos equivocamos, que eu non poucas veces, seguimos adiante. Porque os consellos están aí, as verbas van calando no corazón, pero os exemplos non desaparecen.

 


Cando era novo chamábame moito a atención que ás mulleres maiores, maior parte viudas, enloitadas e coo pano na cabeza, na raxeira abrindo feixóns ou de charla amenizada, a todas lles chamamos tías, sen ser da familia. A tía Clara, a tía Consuelo, a tía Enriqueta, a avoa, e estaban como símbolo dunha xeración veterana, que con decisión e arranque. Cos fillos que hoxe son maiores, pasaran do carburo á luz eléctrica, que cavaran as leiran e coidaran gando de ganancia, que non entendían de transporta máis que o de camiñar, e eran casas a reo cheas a rebentar, xentes a esgalla, cativos que non medraran e infancias golpeadas. Pero os fillos destas que chamamos tías, xa non o son, como miña nai e as desta xeración. Dicimos a Señora Ángela, ou como lle diciamos Gelita. E agora?

 

Agora, respirar fondo, abrir os ollos e deixarse encher de vida. O aprendido aí está. Permitirme, que diga algo máis. Os xemelgos primieirizos que naceron e supuxeron vestir roupa de loito no inicio, Lourdes, que faleceu ao mes de ter nacido, e José Manuel, o noso irmán e tan gran referente, xunto con papá e mamá xa son unha parte grande da nosa casa que están a descansar no fogar do noso Pai Bo, Deus e Creador. Quero pensar, a así confío, e así llo pido a Deus, que estean, vivindo o agradecemento continuo, a vitalidade que non esmorece e a ledicia sen fin.

 

Permitirme que neste día gris e ventoso, neste comezo de ano, no nome das miñas irmás, Gelos e Yoli, dos que formamos as polas nas que van florecendo novos camiños de futuro, netos e bisnetos, os tíos e tías, o feixe de primos e primas, e dos amigos e compañeiros, de todos. grazas por sentir o calor e o cariño, a cercanía e o ánimo de cada un no pasamento de mamá. E tamén o agradecemento ás Irmás e traballadoras da residencia San Telmo, que neste último ano, foron parte desta historia de coidados e amor na fin da peregrinación.

 Graciñas de corazón.


E a ti, mamá; a mirada agarimada, a caricia envolta en calor, o silencio e a cantinela entredentes que ás veces escoitaba e pensaba para min, “hoxe está contenta”.

Mamá, xa non hai tristura, nin medo, nin loito, nin pesar, agora, dígoche, agora xa é tempo de descansar, de rir, de cantar... pois para ti xa é vida. Grazas mamá.

finalizo cun poema que me enviou a miña amiga a irmá Francisca desde Brasil. O referente é a manta feita de retais que a nosa nai nos agasallou a todos e que é a inspiración desta poesía. Somos feitura de retazos que se ensamblan cunha beleza que os vincula o amor.

“Sou feita de retalhos. Pedacinhos coloridos de cada vida que passa pela minha e que vou costurando na alma. Nem sempre bonitos, nem sempre felizes, mas me acrescentam e me fazem ser quem eu sou.


Em cada encontro, em cada contato, vou ficando maior… Em cada retalho, uma vida, uma lição, um carinho, uma saudade… Que me tornam mais pessoa, mais humana, mais completa.

E penso que é assim mesmo que a vida se faz: de pedaços de outras gentes que vão se tornando parte da gente também. E a melhor parte é que nunca estaremos prontos, finalizados… Haverá sempre um retalho novo para adicionar à alma.

Portanto, obrigada a cada um de vocês, que fazem parte da minha vida e que me permitem engrandecer minha história com os retalhos deixados em mim. Que eu também possa deixar pedacinhos de mim pelos caminhos e que eles possam ser parte das suas histórias.

E que assim, de retalho em retalho, possamos nos tornar, um dia, um imenso bordado de ‘nós’”.

Cris Pizziment

https://www.youtube.com/watch?v=MJUsXTpAgHc