miércoles, 15 de mayo de 2019

VIRXE DA FRANQUEIRA, O mundo rural os teus pes


Bendición do labrego
Bendición dos nosos campos
Protectora dos nosos traballos

A vindeira Romaría das Pascuillas pecha o ciclo pascual e o fai con dous días de solemnidade. O primeiro o domingo de Pentecostés, nesa data facemos memorial e damos grazas polo Don do Espírito Santo co que se inicia o tempo  da Igrexa alentada polo Amor de Deus en cada un dos crentes. A segunda, a Solemnidade das Pascuillas no luns a seguir, e que, desde o ano pasado é día da Virxe María Nai da Igrexa en todo mundo. 
Pero esta festividade que nos convoca é a fin tamén dun labor que marca o calendario do traballo dos campos e no inicio da estación da primavera. Todo está sementado, comeza a abrollar, o campos verdean, os xermolos van medrando. Nas zonas baixas os gromos das videiras están a tomar corpo, os primieriños froitos xa chegan ao padal. Os animais teñen as crías, e as fragas están cheas de vida. Canta o cuco e os paxaros embelecen o ar co seu cantar.
Que vimos facer en procesión coas nosas santiñas onda a Virxe da Franqueira? Pois renovar a petición dos nosos maiores, que o Señor nos bendiga cos froitos abondosos o traballo de cada día. Os versos de Cabanillas recollidos no andar do camiño son herdanza de que o cananzo de abrir a terra co suor, deixar a semente, esperar pacientemente o seu medrar, poñer a ollada ao ceo e que non veñan tronadas e medras que poidan estragar, fai que o home e a muller da terra saiba recoñecer a gratuidade e o milagro da vida. Hoxe que todo se mide por eficacia e tecnoloxía, deixar que as cousas medren de por si non é sinxelo, e fainos capaces de ver a nosa vida coa esperanza do que está por vir. Pedimos, é certo, e o facemos con fe, poñéndonos en camiño sen máis que o amparo da fe que nos guía nas imaxes que van diante de nós. Unha fe, alegre e viva, agradecida polo amor do Señor. Pero, que pedimos?
Os froitos. Non deixa de darme voltas os que nos agasalla o Espírito. E isto é o que hoxe pido para as parroquias que peregrinan, para todos nós, romeiros que suben ao pes da Paradanta. Que abrollen en nós, como froito do seu amor, deixando que sexa o seu amor que nos dea pulos, como a sabiar no interior da planta, coa a auga, sangue da terra, como o calor, serenidade na medra.
Dinos S. Paulo na súa carta aos Gálatas "o froito do Espírito é o amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, formalidade, mansedume e dominio de si"
O sementador puxo nas nosas vidas a semente da palabra que da a fe, a comunidade cristiá coa que dentro duns días virás a camiñar, axuda a que sexa coidada, coa oración, a Eucaristía, o perdón, a catequese e a formación, a vida de fe feita vida, toma corpo e vai medrando. Pero é o Señor quen garante que poida dar estes froitos.

Non quero pasar este día de S. Cidre, patrón do mundo rural, sen poñer tamén as nosas parroquias e aldeas, cada eido e quinteiro, cada corredoira e vieiro, cada campo e traballo. Este que parece que esmorece, que ninguén lle bota man, que cada día vemos as silveiras medrar e os campos sen traballar. Neste mundo rural, no que nos coñecemos, nos apreciamos e queremos. Este micro-universo de intimidades no que nos acompañamos, nos servimos na confianza, no que medramos como veciñanza. Esta lareira onde quecemos os corpos e sanamos o entendemento, nesta onde reunidos no fogar lembramos historia e facemos futuro. Que non nos adulteren a esencia do noso, que non nos convertan en urbanitas de pupitre, nin fagan da vida un producto de mercado. 

Remato lembrando


Bendice os amores 
do homilde labrego 
e dalle na chouza 
quentura e sosego.

Xabier Alonso
15-05-2019





No hay comentarios:

Publicar un comentario