sábado, 27 de mayo de 2023

NOVENA DA FRANQUEIRA. VIXILIA DE PENTECOSTÉS


Xa todo está a chegar. Hoxe celebramos a vixilia de Pentecostés. Pomos coa Virxe María o desexo de que nos pida do Señor, O Espírito Santo, os dons para vivirmos a fe na cotiadinade da vida. Facémosvos partícipes da pregaria que pomos neste día ante a Virxe da Franqueira.

XESTO DE ACENDIDO DAS VELAS DE PENTECOTÉS

1.- CON MARÍA, TEMPLO DO ESPÍRITO, PEDIMOS O DON DO ENTENDEMENTO

María, Templo do Espírito, ti que aprendiches a Deus na túa vida espiritual, que meditaches a súa vontade, pídelle ao Espírito que nos conceda o don do entendemento, para que tamén nós comprendamos a Deus e poidamos vivir na súa vontade.

2.- CON MARÍA, NAI DA IGREXA, PEDIMOS O DON DO CONSELLO

María, nai da Igrexa, ti que es no medio dos apóstolos conselleira espiritual e mestra da fe, pídelle ao Espírito que nos conceda o don do consello para que nos deixemos conducir polo Señor e decidirnos á luz da Palabra.

3.- CON MARÍA, NAI DA ESPERANZA, PEDIMOS O DON DO TEMOR DE DEUS

María, nai da esperanza, que sabes manterte na espera, que soubeches esperar o nacemento do Fillo de deus con santo temor, con respecto e fondura. Pídelle ao Espírito que nos conceda o don do temor de Deus, para que na fraxilidade, non deixemos de sorprendernos da grandeza do amor e dos seus coidados.

4.- CON MARÍA, MESTRA DE ORACIÓN, PEDIMOS O DON DA PIEDADE

María, mestra de oración, que viviches sempre unida na pregaria confiada a Deus Pai e ao seu Fillo, animada polo Espírito, pos nos teus labios a loanza agradecida. Pídelle ao Espírito que nos conceda o don da piedade para vivirmos en diálogo continuo e agradecido ao Señor e movidos a rezar coma irmáns.

5.- CON MARÍA, APOIO DA IGREXA, PEDIMOS O DON DA FORTALEZA

María, apoio da Igrexa, que te mantiveches firme e inquebrantable ante as dificultades e a cruz, pídelle ao Espírito que nos conceda o don da fortaleza para saibamos superar as dificultades da fe, os tropezos e sexamos constantes e vixiantes ante as tentacións.

6.- CON MARÍA, RAÍÑA DOS APÓSTOLOS, PEDIMOS O DON DA SABEDORÍA

María, Raíña dos apóstolos, que comprendes desde o teu corazón o saber de Deus e as súa vontade, pídelle ao Espírito que nos conceda o don da sabedoría para comprender as cousas de Deus, para ver coa mirada de Deus, xulgar e actuar discernindo os signos dos tempos.

7.- CON MARÍA, NAI DO AMOR E DA UNIDADE, PEDIMOS O DON DE CIENCIA

María, nai do amor e da unidade, ti que tes a ciencia da fraternidade, da xustiza e da paz, pídelle ao Espírito que nos conceda o don de ciencia para a construción do Reino na paz e na caridade, no perdón e na comuñón.



 


No hay comentarios:

Publicar un comentario