sábado, 6 de mayo de 2023

XESUS É O NOSO CAMIÑO

 


O pasado domingo a Palabra que Xesús nos propuxo abriunos o seu corazón entrañable e nos manifestou un aspecto importante da súa identidade: eu son... o Bo pastor... coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme... eu son a Porta... quen entra terá vida... eu dou vida e vida de abondo.

Cando unha persoa declara ante os seus quen é,cousa nada sinxela, pois cando nos fan esa pregunta, quén es ti?, quedámonos pensativos; tal e como un se revela así se da coñecer e establece un ámbito de relación. Xesús non so fala de si, senón que impulsado en todo polo Espírito, revela o corazón máis íntimo de quen o envía, o Pai. Coñecer a Xesús, ou máis ben, que el se nos revele esixe tamén que vivamos na "sinceridade e na verdade" desde nós mesmos e cos demáis para aceptar con esa sinceridade quen é Xesús.

Hoxe vemos ao Señor na última cea, despois de lavar os pes dos seus discípulos, de realizar o xesto simbólico e cargado de forza dunha acción servil, que ten verbas de intimidade. Unirse ao Señor non é so adquirir uns principios ou unhas normas de comportamento, iso máis ben é a consecuencia de identificarnos con el, pois como ben sabemos, a fe cristiá é aceptar a nosa configuración co mesmo Señor, deixar que el sexa e actúe en nós, responder e aceptar que o seu Espírito nos infunda a capacidade de que el sexa en nós amor e perdón, misericordia e entrega, ofrenda e servizo.

"Non se aflixa o voso corazón, confiade en min", di Xesús, pois o camiño, o vieiro da salvación está aberto. O camiño é quen fai ao peregrino e o preregrino é o que fai o camiño, e neste caso, o camiño da verdade e da vida, que di o Señor é el mesmo para chegar ao Pai. O percorrido feito por Xesús, que ven do Pai, convídanos a que camiñemos nel para sermos levados á plenitude do amor, da vida.

Qué consecuencias ten isto? Pois que non podemos andar pola vida sen rumbo, que poñernos a andar, ou máis ben escoitar a Xesús que nos convida levántate (resucita) e anda, é para encamiñarnos cara a Deus mesmo, fonte da vida. Que non andamos sos, que imos en comunidade, sentíndonos corresponsables uns dos outros. O importante non é chegar primeiro, senón que cheguemos todos en paz. Que para andar temos que coñecer a ruta, e Xesús é o noso guieiro. Que o camiño leva sacrificio e ofrenda, deixar atrás o que estorba, e abrazar a cruz. Que non podemos camiñar de espaldas, senón cara adiante recoñenéndonos a nós mesmos.

Ás portas da peregrinación das Pascuillas preparémonos para facer o camiño da fe acompañados pola Peregrina, a Virxe María, para sermos irmáns.

Hoxe, domingo, Cristo é o alimento do camiño. 

Feliz domingo

1 comentario:

  1. Quem sou eu?
    E a pergunta mais trascendental de nossa vida... a resposta nos leva toda uma vida...

    ResponderEliminar