Fai uns días un grupo bastante numeroso de sacerdotes das dioceses de Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo, xunto aos nosos bispos, asistimos a unha xornada histórica: a inauguración do curso do Seminario Maior Interdiocesán Apóstolo Santiago. Unha realidade eu é resposta a inquedanza dun camiño de unidade e de traballo conxunto. Un so seminario para estas tres Igrexas que peregrinan en Galicia onde se formarán os futuros pastores. Máis dunha vintena de xoves que tomaron a decisión de dicir si á chamada do Señor a seren del e viviren entregados aos irmáns nas comunidades ás que sexan enviados. Non é so unha resposta á necesidade de xuntarnos porque somos poucos, senón un signo dos tempos.
Mira que os galegos sómosche moi minifundistas, e non so na cuestión das terras e dos lindes, somos moi do noso, do recuncho e da parceliña. E non digamos un mundo polarizado e en enfrontamentos, loitas e guerras encarnizadas, nas que se defende non so a terra senón que se fala de identidades, de particularismos, nun mundo globalizado mirámonos moito a nós mesmos. Por iso, que se fixera un traballo de xuntarnos para un proxecto común, igual que traballan conxuntamente as Delegacións de Catequese, as de Pastoral da Saúde, as Cáritas cando temos tarefas comúns de formación e traballo conxunto, son un signo de chamar ao mundo a que para mellor servir é bo xuntarnos, dialogar, buscar camiños de futuro. Pensemos que as parroquias debemos xuntarnos nun so proxecto de pastoral, non so porque teñamos menos curas, ou sexamos menos nas Misas, senón porque é a seña de identidade do cristián buscar camiños de comuñón e fraternidade.
Felicidades a todos, e contade co noso compromiso de acompañarvos e de axudarnos a sergir apostando polo que nos une. Non é doado, hai que por o mellor, romper cos protagonistas para por no centro a Cristo como nos dicía o Sr. Arcebispo na Misa. Demos grazas por tantos formadores que coidaron dos seminarios nestes anos e os que nos prepararon para vivir este ministerio tan grande.
No hay comentarios:
Publicar un comentario