SAN BIEITO, NAMORADO, ENRAIZADO
Tal día coma hoxe falecía San Bieito, aínda que a súa conmemoración cadra na coresma, sempre temos a oportunidade de achegarnos a este grande da Igrexa, fundador de mosteiros e patrono de Europa. Este último aspecto é o que nos fai reflectir a nosa ollada cara o vello continente. Vivimos tempos de cambio a nivel mundial e que afectan, non so os aspectos políticos e sociais, senón na forma de entender a vida. Tamén Bieito viviu un cambio de época e soubo transmitir desde o seu encontro con Cristo un novo xeito de vivir a vida cristiá.
Hai oito días tiñamos a sorte de participar nun encontro organizado por Cáritas na que Alberto Ares, Xesuita, que desenrola o seu labor en Bruxelas, vir a falarnos da situación mundial e europea, centrado sobre todo no tema migratorio. Unha lección maxistral, que non nos deixou indiferentes. Pero o que marcou, foi a fin da conferencia. Deunos dúas claves, que entroncan perfectamente coa figura de S Bieito: namorados e enraizados. Magnífica proposta de conversión.
Namorados. Como S Bieito que proclama "non antepoñer nada ao amor de Cristo" E así é. O mundo reclama testemuñas, non so relatos de vivencias máis ou menos afectivas, senón encontros transformadores de toda a nosa realidade e da condición humana. Persoas renacidas na fe que , configurados no Resucitado, poidamos ser acción na caridade comprometida cunha transformación das persoas e da sociedade. Cristo é quen da a clave da vivencia da persoa humana coa súa dignidade inviolable e da sociedade que acolla a todos desde uns valores verdadeiramente humanos. Ser en Cristo é vivir desde a clave da compaixón, da acollida e dos vínculos fraternos. Ser en Cristo é abrir a mente e o corazón, cunha palabra e unha alternativa de vida ante a cultura da violencia, as cerrazóns, a morte e a fractura social.
Enraizados. Coma árbores que afondan as súas raíces na busca do verdadeiro alimento, que é o evanxeo. Que se enfortecen nas dificultades e mantéñense vigorosos. Que se deixan transparentar pola luz vital, que produce asixeno nun ambiente viciado, contaminado. Que se nutre dos valores que abrollan dunha terra doada e xenerosa, para vivir a gratuidade e a construción do ben común.
San Bieito viviu a tope estas dúas realidades, pidámoslle que axude ao noso mundo a se transformar nun verdadeiro fogar de fraternidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario