sábado, 23 de mayo de 2020

Novena á Nosa Señora da Franqueira 1

NOVENA Á NOSA SEÑORA DA FRANQUEIRA.

Como ben sabedes este ano resulta moi especial e tamén moi extraño. Pasadas algunhas semanas do comezo da alerta sanitaria e con todo o país metido na casa fixemos o anuncio de que a Romaría das Pascuillas non se poderían celebrar. Un fondo pesar atravesou a alma de tantos romeiros e peregrinos. O Covid19 arrebatou dun golpe o que viñamos a celebrar de tantos séculos. So a guerra o impedira.
Son moitas as víctimas que deixou tras de si esta enfermidad, moitas secuelas, moita dor nas familias e unha chamada a sermos máis responsables uns da vida dos outros. O mundo que vimos facendo abriuse no peito e descubriu a fraxilidade do que estamos feitos. Os medos afloxaron as nosas decisións e os pesadelos ocuparon o lugar dos nosos soños. Un cambio que ven para quedar a vivir connosco. 
Pouco a pouco, co esforzo de mnoitos, a solidariedade, o traballo e a constancia foise abrindo camiño á esperanza. A fraxilidade da nosa condición humana veuse non so na enfermidade, senón no virus que atravesa a toda a sociedade deixando ao descuberto unha vez máis as desigualdades e o débil que é a súa economía, o traballo e a estructura, edificada sobre os pilares do beneficio, a riqueza e un individualismo cada vez máis deshumanizador.
A medida que se van abrindo novas fases as víctimas, autenticas protagonistas desta traxedia, xa deixan de ser un dato, xa deixan de estar. Desgraciadamente fomos perdendo a oportunidade de enfrontarnos cara a cara ao dramna da morte para ocultala baixo un manto de falsa ledicia. Máis de 70 sacerdotes perderon a vida en esta pandemia en España, moitas relixiosas, hai uns días un peregrino me comentaba que entre familiares e amigos en Madrid faleceran 9. So penso na dura que é a situación. Por isto, meus amigos e amigas, sair airoso non é poder deitarse ao sol, ou gozar da oportunidade de degustar unha cervexa. Non o vexades como un discruso tráxico, intento ser o máis realista que podo.
Non soporto ver as infracións que se cometen ás normas por poder estar nunha terraza como se fora tan vital e ao mesmo tempo cambiar de canle por non ver as ringleiras de desamparados que acuden a buscar axuda inmediata e resolver o seu drama. Todos temos que ser fieis ao que se nos manda, e vou por un exemplo: se as persoas cando van a un local: un establecemento comercial, unha institución, ou pola rúa debe levar mascarilla, na igrexa tamén. Todos debemos cumprir coas franxas horarias para as idades de risco.

Por isto vou a abrir camiños con algunhas propostas para estes días da Novena en Honor da Virxe da Franqueira.

1.- Publicaremos na canle de you tuber un vídeo cada día coa novena á Nosa Señora, cunha reflexión e que poderemos seguir desde os nosos fogares.

2.- Enviarase a través da páxina web e dos medios dos que dispomos unhas verbas que nos axuden a afondar na celebración da festividade da Virxe sabendo que non haberá romeiros e peregrinos

3.- Fago un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das normas establecidas polas autoridades sanitarias. Por isto lembremos que xa teremos tempo para vir a visitar o santuario. Agora debemos coidarnos e coidar dos demáis. Daremos conta dos criterios

4.- Estamos de loito e debemos respetalo

seguimos en contacto

unha aperta
Xabier Alonso




ECOS DA FRANQUEIRA 15. Visita ao santuario 2

domingo, 3 de mayo de 2020

FELICIDADES MAMÁ. Carta ás nais. HOxe envía o nome da túa nai para rezar por ela na Eucaristía

Monumento ás nais na parroquia da Lamosa
Non se rompen os fíos, nin os vínculos, non se esquecen as verbas nin esbaran as memorias, non se fugan os susurros nin se calan os cantos. Non, non valen as excusas, hoxe abrazamos a quen nos pariu con dolor e converteu o pranto dunha nova creatura en gozo para o futuro. E cando digo parir non so de xeito fisico, senón que moitas son as nais que teñen dores de parto dando a vida a quen estivo encamiñando a súa á morte.

Mamá, porque non dicilo, hoxe podemos dicir mamá. A ti, a cada unha de vós felicidades. Hoxe que soarán os teléfonos, compartiranse vídeos, rapasaranse fotografías, falarase de lembranzas e faranse novos os bicos. Mamá, a que xa están cansadiña, con ese desexo de ver pasar este tempo duro no que se ramatan os teus días, aínda que non entendes moito, pero que che lembra tempos difícles do pasado que non quixeches por veces lembrar nin compartir. Mamá, que os teus ollos cansos viron pasar pola túa mesa tardes de confidencias, que arromaches contra o teu peito noites de pesares. Mamá, que deitada na cama non pechabas ollo, que madrugaches e fixeches horas longas de labor. Mamá, si, que deches vida e a fixeches túa ata a fin, que cada fillo e filla é neno e nena aínda que xa sexan avós.

Mamá, que estás no mellor da vida, que xa ves como todo se vai arranxando, que segues a por paixón e amor e todo o que fas, que pos unha dose de perdón nas equivocacións e pasos malogrados dos fillos. Mamá, que ves con preocupación como van medrando os pequenos sen darte conta, que xa non son tan nenos, que queres telos agochados baixo o teu mantelo. Mamá, que a vida te fai pensar e non sabes ben como será, que isto da pandemia te revoluciona o corazón e te desvela ver para o futuro. 

Mamá, que acabas de parir, dar a luz, alumear este mundo cos choros dunha nova criatura. Que a primeira mirada converteuse en bálsamo reconfortante, que o seu corazón late acompasado co agarimo do teu colo. Mamá, que choras e ris ao mesmo tempo, que miras ao ceo e pensas que o imposible se fai realidade, que xa nada pode ser igual.

Mamá, que o estás a punto de ser. O teu pequerrecho non está confinado, nin preso, está nos teus coidados. Xa es nai, xa o estás sendo, xa o estás gozando, vivindo, e todo desde a espectativa. E pensas, qué magoa nacer nun mundo como o que estamos a ter. Pois si. Porque cada un de nós é unha verba, unha mensaxe de esperanza, de vida, de amor. E o teu fillo, a túa filla, a de todas as nais, son esperanza cumprida, esperanza para que o mundo comprenda a fraxilidade do noso ser, e sen ti, sen o cariño e coidados dunha nai, non hai futuro. 

Mamá, hoxe a miña lembranza vai por ti.
Grazas pola vida, grazas polo amor, grazas pola fe, grazas por axudarnos a cada un a ser nós mesmos e descubrirnos a paixón de chegar á fin.

Grazas á nosa Nai María, a que pariu a Vida e Salvación, que nos trouxeches a esperanza. A tí, María, encomendamos a todas as nais.



Hoxe quero facervos unha proposta:

Neste día quero por os nomes das nais enriba do altar da Eucaristía, ao carón da nosa naiciña. 
Por favor 

ENVÍAME O NOME DA TÚA NAI PARA REZAR POR ELA.
A TÚA NAI, PARA DARLLE GRAZAS AO SEÑOR POR ELA E FELICITALA NESTE DÍA DE MAIO, NESTE DOMINGO PASCUAL, NESTE MES DE MARÍA
A TÚA NAI QUE FALECEU, PARA PRESENTALA A DEUS FONDE DE VIDA.

ENVÍAME O NEOME DAS QUE VAN SER NAIS E AS QUE O SON NA SÚA XUVENTUDE

FAINO A TRAVÉS DO FACEBOOK


OU TAMÉN POLO WAPP

609472591

hoxe queremos por diante da nosa Naiciña os nomes de todas as nais

unha aperta

Xabier Alonso

viernes, 1 de mayo de 2020

OS NENOS E NENAS SEGUEN A REZARLLE Á VIRXE DA FRANQUEIRA

Benqueridos todos.
Que mellor xeito de iniciar este mes de maio, en plena pascua que da man dos máis pequenos da casa. Hoxe compartimos esre agasallo que lle están a facer á Nosa Señora, a Virxe da Franqueira. Estamos a recibir os debuxos que fan na casa, a través do wapp ou o correo, os pais envían as obras feitas polos cativos e que son a mellor forma de por as nosas pregarias á María. Son debuxos cheíños de forza e de amor, de ilusión para todos e de saúde para os doentes. 
Queremos agradecer aos que estades a participar e vos animamos a que enviedes os debuxos á Virxe da Franqueira.
As fotos das flores que pomos nas pantallas xa pasan das 200, graciñas por esta xenerosidade do amor á Virxe. 
Seguide participando

Wapp:  609472591
Correo: info@afranqueira.org

Xabier Alonso