domingo, 5 de noviembre de 2017

FILLIÑOS. Na despedida de D. José Lago Cid




Hoxe recibirá sepultura no cemiterio parroquial de Mondariz- Balneario o corpo de D. José, párroco emérito desta parroquia e de Vilar. Foron, desde 1966 ata a súa xubilación no 2013 as comunidades nas que serviu con dedicación e sinxeleza. Moitos anos e moita intensidade, desde un corpo fráxil e enfermizo toda a súa vida, flaca figura que lembraba ao cabaleiro andante cervantino. E como este persoeiro de cabalerías, tamén Pepe era un pouco aventureiro que lle valeu algún que outro susto na longa estadía. 
Quixera destacar unha poucas características, hai moitas máis evidentemente:

A primeira é a súa entrañabilidade de avó cariñoso. De aí que titule "filliños" esta aportación, pois era a súa paralabro ao tratar ás persoas. Nesa palabra se resume o fundamento, poñer nas relacións interpersoais esta verba de cariño.

A segunda a dimensión vocacional. Dous son os sacerdotes ordenados nas parroquias que serviu, pero moitos foron os mozos que pasaron polo seminario. Unha lección que non podemos esquecer os sacerdotes: o trato persoal e a didicación aos máis novos, acompañamento e dedicación. Asemade este é o tema da programación pastoral deste curso.

A terceira é a devoción á Virxe María. O seu amor á Nai de Deus foi un agasallo que entregou aos seus filliños. A imaxe da Virxe de Lourdes foi coroada nunha liturxia expléndida e cunha coroa expresión de amor á Nosa Señora. E como non, a peregrinación anual á Franqueira coa parroquia na Romaría das Pascuillas.

Quero finalizar cun detalle. Onte, día do seu falecemento, tiñamos na Franqueira e nas outras parroquias a novena de Ánimas. Cada día lemos o testamento espiritual dun santo, destacando algún aspecto da súa vida e de cómo afronta o misterio da morte. Pois ben, onte leiamos o testamento de Santa Bernardiña Soubirous, a mociña de Lourdes. Rezuma por todas partes a humildade como seña de vida xunto cunha vida debilitada na efermidade, e en todo, cun corazón agradecido.

Con ese sorriso e a sorna quero lembrar a Pepe coa miña pregaria agradecida.

Finalizo cunha das coplas de Pascuillas que canta Mondariz Balneario ao peregrinar ás Pascuillas

Raíña do ceo,
fermosa e garrida,
na hora da morte

danos nova vida.


Graciñas D. José

Xabier Alonso

sábado, 4 de noviembre de 2017

DAME DE BEBER



Din que se é máis terrible morrer de sede que de fame. E hoxe, a nosa terra, leva uns meses cunha sede terrible. A choiva destes días, despois de estar insistentemente rezando, so é unha pinga que non remedia a necesidade que estamos a ter.
Mañá teremos na Franqueira unhas oracións especiais para pedirlle ao Señor que nos bendiga co precioso agasallo da auga. Pero tamén quixera expresar alguhas ideas:

1.- Non recoñecemos a importancia das cousas ata que as temos en falta.
2.- Na sobreabundancia somos derrochadores.
3.- O pensamento económico supedita o ben común a longo prazo por un beneficio inmediato. Prefrimos estar en outubro na praia e con calor, ainda que supoña a morte do ecosistema, con tal de que teñamos beneficios.
4.- Os mananciais non son eternos, sobre todo, se non se coidan.
5.- Necesitamos unha conciencia globalizada, se coido esta parcela contribúo ao ben de todos.
6.- Se nos estamos necesitados, imaxinemos, aos que viven noutros lugares do mundo.

Benqueridos, sigamos pedindo ao Señor que nos bendiga, que nos faga conscientes que todo don ben del.

Nosa Señora da Franqueira, axúdanos.

Feliz día
Xabier Alonso

jueves, 2 de noviembre de 2017

CARTA ABERTA Á MORTE. SANTOS E DEFUNTOS




Carta aberta á morte

Estes días andamos moi apurados, dun lado a outro, visitando aos nosos queridos que xa partiron. E nestas falamos de ti, benquerida morte. Que non sei moi ben como tratarte, pois, aínda que s Francisco te chama irmá, todos nos lembramos de ti con máximo respecto, algúns con temor, e outros cunha indiferencia para que non se vexan os seus medos.

O que si é certo que falamos moito de ti, e nin sequera te coñecemos, a non ser de ouvidas e do que temos visto e nos afecta. Porque pasar non pasar desapercibida. Aínda que duras un so instante provocas nos máis un baleiro que se tarda en comprender, ou feridas que non hai que as cure, ou cantas veces creas preguntas ás que precisan respostas. Por ti se fala nas traxedias máis inxustas, ou nas regueifas máis fora do humano. Porque ben nos pertence saber que imos morrer, pero no fondo sabemos que non é para nós, senón que somos chamados á vida.

Levamos toda a vida, esta que temos, a prepararnos a un instante, unha cita que teremos contigo. Un momento que marca un antes e un despois. E so estás aí, nese intre, e que leva a paralizalo todo, o tempo, a vida. Todo se converte e ollada en bágoas para intentar comprender, asumir, saber, responder, coñecer... e cada un ponse diante da mortal consecuencia, mortalla de megrura, loito de aflición. Un intre é suficiente para que o poderoso se converta en po, igual que o pobre, o famento atope a fartura do descanso, o mozo prolongue para a eternidade a súa xuventude, o vello resuma a súa historia. Todos ao fin camiño dun eido que abre as portas da infinitude. Uns quixeran esperar e darse máis tempo, outros desexan que chegue o momento. E á fin, poñer no nome un desexo, descanse en paz.

Vestida nas tebras fuches asumida na luz de quen venceu. O Fillo soterrado coas bágoas do Pai eterno, descansando nun sepulcro, ventre de novo amencer, triturado pola maldade, asfixiado pola violencia, maltratado polo pecado. E no terceiro día, venceu e faise luz o que ti convertiches en noite.

Hoxe, achegarse a un camposanto, a descubrir as lumieiras acesas da esperanza que non se perde, da vida non esquecida, da noite vencida. A resurrección escrébese con candeas de eternidade que consumen cada pregaria de perdón e de unidade. O lugar onde está a finitude dos corpos que se esvaen, onde a traxedia enche de pesares, agora está a fermosura das flores que anuncian o xardín sempre aberto da eternidade da ledicia.
Querida irmá morte un suspiro, un desalento, unha porta que se abre. O mesmo Deus abrazoute e cando expirou a morte tomou outro nome chamándose amor.

Oremos polos nosos finados unha pregaria de esperanza, de amor e de vida



Xabier Alonso