jueves, 2 de noviembre de 2017

CARTA ABERTA Á MORTE. SANTOS E DEFUNTOS




Carta aberta á morte

Estes días andamos moi apurados, dun lado a outro, visitando aos nosos queridos que xa partiron. E nestas falamos de ti, benquerida morte. Que non sei moi ben como tratarte, pois, aínda que s Francisco te chama irmá, todos nos lembramos de ti con máximo respecto, algúns con temor, e outros cunha indiferencia para que non se vexan os seus medos.

O que si é certo que falamos moito de ti, e nin sequera te coñecemos, a non ser de ouvidas e do que temos visto e nos afecta. Porque pasar non pasar desapercibida. Aínda que duras un so instante provocas nos máis un baleiro que se tarda en comprender, ou feridas que non hai que as cure, ou cantas veces creas preguntas ás que precisan respostas. Por ti se fala nas traxedias máis inxustas, ou nas regueifas máis fora do humano. Porque ben nos pertence saber que imos morrer, pero no fondo sabemos que non é para nós, senón que somos chamados á vida.

Levamos toda a vida, esta que temos, a prepararnos a un instante, unha cita que teremos contigo. Un momento que marca un antes e un despois. E so estás aí, nese intre, e que leva a paralizalo todo, o tempo, a vida. Todo se converte e ollada en bágoas para intentar comprender, asumir, saber, responder, coñecer... e cada un ponse diante da mortal consecuencia, mortalla de megrura, loito de aflición. Un intre é suficiente para que o poderoso se converta en po, igual que o pobre, o famento atope a fartura do descanso, o mozo prolongue para a eternidade a súa xuventude, o vello resuma a súa historia. Todos ao fin camiño dun eido que abre as portas da infinitude. Uns quixeran esperar e darse máis tempo, outros desexan que chegue o momento. E á fin, poñer no nome un desexo, descanse en paz.

Vestida nas tebras fuches asumida na luz de quen venceu. O Fillo soterrado coas bágoas do Pai eterno, descansando nun sepulcro, ventre de novo amencer, triturado pola maldade, asfixiado pola violencia, maltratado polo pecado. E no terceiro día, venceu e faise luz o que ti convertiches en noite.

Hoxe, achegarse a un camposanto, a descubrir as lumieiras acesas da esperanza que non se perde, da vida non esquecida, da noite vencida. A resurrección escrébese con candeas de eternidade que consumen cada pregaria de perdón e de unidade. O lugar onde está a finitude dos corpos que se esvaen, onde a traxedia enche de pesares, agora está a fermosura das flores que anuncian o xardín sempre aberto da eternidade da ledicia.
Querida irmá morte un suspiro, un desalento, unha porta que se abre. O mesmo Deus abrazoute e cando expirou a morte tomou outro nome chamándose amor.

Oremos polos nosos finados unha pregaria de esperanza, de amor e de vida



Xabier Alonso

No hay comentarios:

Publicar un comentario