FRANQUEIRA: 3º día da novena
Hoxe lembramos no texto da novena da Virxe o Nacemento do Señor. Sendo como é este ano Xubileo dos 2025 anos da Encarnación e Nacemento do Redentor, e asemade, Xornada de Oración pola Creación, permitídeme que lembre que naquela noite rodean o lugar de tan grande misterio os ceos estrelados, a lúa e os montes, os campos e bestas, animais de traballo e homes e mulleres que ás carreiras queren ver ao meniño na manxadoira. Nin os astros, nin os anxos, queren estar fóra, e a estrela, signo da fe, guiará aos sabios de Oriente. Con estas claves podemos entender que chegados os tempos, toda a creación participa no parto, pois espectante estaba toda a feitura de Deus, esperando o tempo do xúbilo que marca a salvación de toda a humanidade, que dará comezo aos tempos dunha nova creación que se encamiña, na resurrección, cara a plenitude do gozo, do xubileo eterno.
Segundo un artigo de prensa lemos que no outubro de 1970 falece a nai do que fora bispo de Tui-Vigo Frei Xosé López Ortíz. Dona Leonor Ortíz, que así se chamaba, viaxara en moitas ocasións ao santuario. Con motivo da coronación lle fora regalada unha medalla da Virxe, que ela gardou con moita devoción. Cando o seu fillo, da orde agostiña, foi a Filipinas para a conmemoración do IV centenario no 1965, tivo a ben que esta medalla fora doada ao Neno Xesús de Cebú. Esta imaxe do Neno Xesús foi un presnete de Magallanes ao rexedor nativo en 1521. Cando chegou a expedición de Legazpi anos despois mantiveron unha contenda na que atoparon esta imaxe custodiada nunha caixa de madeira. Mandaron construir o primeiro templo de Filipinas e que hoxe é basílica menor. Frei Xosé entregou a esta imaxe a medalla da Virxe da Franqueira con estas palabras "al aceptar esta ofrenda pongo en el Divino Niño la ofrenda de los hombres y mujeres de mi amada diócesis en esta medalla de la Virgen de la Franqueira". Pois como ben vedes, a imaxe máis antiga de Filipinas ten no seu tesouro unha medalla da Nosa benquerida Nai da Paradanta. Curiosidades da historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario