domingo, 31 de agosto de 2025

FRANQUEIRA 2º día da novena

 


FRANQUEIRA. 2º día da novena

Peregrinos de esperanza. Este é o lema do Xubileu que estamos a celebrar con motivo dos 2025 anos da Encarnación do Fillo de Deus no seo da Virxe María. Un tempo de renovación nunha época de cansanzo e desalento; un tempo de perdón, nunha época de de confusión e negación; un tempo de enraizarse, nunha época de superficialidades; un tempo de sinxeleza, nunha época de fachendosidades; un tempo de servizo e disponibilidade, nunha época de prepotencias; un tempo de humildade, nunha época de orgullos; un tempo de silencio e calma, nunha época de presas e dispersión; un tempo de xúbilo e ledicia, nunha época de corazóns baleiros. Poderemos converter esta época nun tempo de salvación, no kairós da súa presenza.

E María, a quen hoxe celebramos no seu segundo día da Novena, acepta a Deus, no seu Fillo, pola acción do Espírito, no seu propio ser, xa non é ela soa, é Deus quen está de xeito físico, novedoso, único e irrpetible, difícil de asimilar, sobrepasando todos os lindes do imaxinable. E agora, ela, sen máis, convértese en peregrina da esperanza. Vai axiña, depresa, sen esperar, senón levando a quen esperaban os séculos, a servir, a por de manifesto que ven facer o Señor no medio do seu pobo, porse ao servizo, entrega e disponibilidade. 

Como lembranza significativa, o Santuario da Franqueira foi templo xubilar no 1954 no Ano Santo Mariano, no remate do Concilio cunha peregrinación especial polos seus froitos, no Ano Santo da Redención 1974; no 1983 Xubileo da Redención; no Xubileo Mariano 1987-88; no Xubileo 2000; no Ano Xubilar particular dos 50 anos da Coronación da Virxe da Franqueira 2012-13; no Xubileo da Misericordia 2015; e neste Xubileo 2025.

No Ano Mariano 1954 a imaxe da Virxe peregrinou por todas as parroquias da contorna sendo una manifestación de xúbilo. Unha peregrinación de marcado talante misioneiro no que os pobos se volcaron en recibir a imaxe que peregrinou pola comarca. Noites en vela de oración en igrexa grandes, procesións e predicacións que se sucederon durante os meses de verán. Unha acción que espero que poidas ver repetida algún día.

No xubileo Mariano do 1988 D Xosé Cerviño Consagrou a diocese á Nosa Señora Franqueira.  


1 comentario: