sábado, 13 de junio de 2026

ESTAR, SERVIR, SANAR, LIBERAR

 


ESTAR, SERVIR, SANAR, LIBERAR

Como unha familia que se doe no sufrimento dos seus membros, o Señor, envía a cada un, como o fixo cos apóstolos, a sermos pregoeiros da Boa Nova. Xurde este imperativo das entrañas de misericordia e da mirada fonda do Señor. No evanxeo deste domingo vemos, como Xesús, se doe e sinte compaixón por toda a xente, perdida e derreada como ovellas sen pastor. Unha radiografía do cansanzo no que nos movemos na actualidade. ¿Quen pode darnos unha palabra de alento que nos ilusione? E Xesús chama, en primeiro lugar á oración. Encoméndalle ao Pai que envíe xornaleiros ao extenso campo do mundo. Chamando polos apóstolos, dálles a responsabilidade de anunciar, sanar, resucitar, limpar... unha tarefa desbordante, que necesita da forza e o impulso do Espírito. 

Hoxe, somos quen de sermos enviados a dar unha verba de esperanza, de aliviar a dor, de sandar feridas profundas, de limpar corazóns danados e lixados polo pecado, de liberar das ataduras do mal, de devolver a vida onde esmoreceu.

A presenza da Igrexa de Xesús é facerse cun corazón humano, nai entrañable, amiga nas relacións, vínculo de alianza, hospital de campaña, tenda aberta para a hospitalidade, mesa fraterna para recuperar forzas, compañeira na peregrinación da vida.

Somos Igrexa dos apóstolos, cimentada na fraxilidade do Deus encarnado e presente, que devolve a dignidade a un mundo golpeado.

Creo que relendo os discursos e homilías do papa León poderemos atopar verbas máis acertadas que as miñas para vivirmos todo isto.

Os santuarios son espazos sagrados onde se manifesta no día a día esta realidade do Espírito

Feliz domingo

No hay comentarios:

Publicar un comentario