lunes, 16 de septiembre de 2024

MARÍA, UN CANTO Á LIBERDADE


MARÍA UN CANTO Á LIBERDADE 

Dentro duns días teremos a celebración da Festividade dos Poxos na Franqueira. É o domingo que pecha os catro días solemnes dedicados á Virxe María. A novena, coa que nos adentramos na preparación espiritual, os días 7, e especialmente o 8, día da Natividade, e o 9, teñen como centro a Eucaristía na que nos reunimos os romeiros e peregrinos e as procesións. Nelas, como ben sabedes, temos as Danzas e o Romance do Cristián e Mouro. O calendario antigamente no era así. De feito, a procesión do día 7 era pola tarde, os cultos do 8 comezaban de madrugada coas Misas de comuñón, Exposición do Santísimo, e Confesións que había tanto o 7 coma o 8 continuamente. É curioso observar con atención a descrición feita nos anos 20 do século pasado coa presenza de cabezudos, gaiteiros, bandas, fogos de artificio e globos de papel. Si temos constancia da festividade dos poxos no domingo  que lle corresponde coas mesmas procesións e as danzas e romance.

Quero compartir convosco unha pequena reflexión sobre o tema do drama, ou romance do Cristián e o mouro. Hai constancia en diversos santuarios de sona en España dos mIlagres de liberación de cautivos da época da Reconquista de xeito milagroso. Un feito que se identifica asemade coa mesma narrativa. Cristián preso nunha gaiola ou arca, con cadeas e invoca a María. Amencen na porta do santuario ambos personaxes e espertan co son das campás. Xurde unha conversa sobre o feito e chama a conversión do mouro. Pois se nos adentramos nos lugares atopamos que no Santuario de Guadalupe de Extremadura, ou na Virxe do Camiño de León, descríbense igual que na Franqueira. Datados no século XVI son na orixe os mesmos relatos que poñen na Nai de Deus a liberación dos cautivos en terras alleas. Máis aínda, en León conservan a arca, igual que a tiñan no Santuario da Virxe de Aliaga en Aragón. Temos referencia desta mesma narración na Virxe da Asunción na Estepa en Sevilla, e na Virxe de LLano en Almenar, Soria. 

A partir desta coincidencia póñome diante de María, a Nosa Señora Virxe da Fonte da Franqueira e penso: María é muller, crente, nai de Deus e liberadora. A súa participación, desde a liberdade plena na que se entrega a Deus, faina membro excepcional do Reino, na que todos somos liberados polo que se fixo cautivo, preso, ofrenda, sacrificio por nós, o seu Fillo. O seu cautiverio nos ten dado a libertade. Pero, ela, como nos axuda a vivir esa liberación?

Ven á miña memoria o canto do Magníficat. María exalta o poder de Deus que rompe as cadeas opresoras do poder, do diñeiro e a soberbia. El derriba do trono aos poderosos e fai subir aos humildes, aos famentos éncheos de bens e aos ricos despide baleiros. Con esta proclama, María, que non ostenta nigún cargo importante, nin se dedica a ningunha responsabilidade política, que so é unha mociña, aldeana, humilde, que sae a servir a súa curmá, berra aos catro ventos a auténtica liberación do home. O feito sucede naquelas montañas da Xudea, hoxe, coa mesma forza, necesitamos sentir nestas montañas da Paradanta, na que non se rixen destinos importantes, nin se erixen responsabilidades trascendentais, ter o signo de proclamar que Deus é o veradeiro Libertador. E así, como naqueles séculos pasados, foi posto nas mans de María o milagre de seren salvo do cautiverio os cristiáns retidos nas terras africanas, hoxe, pomos nas mans desta Nai que faga o milagre de darlle a liberdade a tantos omes e mulleres sometidas ás escravitudes do século XXI. Persoas que so un milagre pode facer que poidan ter o digno para vivir, o xusto, por xustiza para levar adiante unha vida conforme aos mandados de Deus. 

Rompe, María, as cadeas que apretan persoas e pobos, fai o milagre de que o Reino do Señor sexa unha realidade. Conta connosco e que o Espírito nos dea alento. Reza connosco, que somos pobres, pero sinceros. Axúdanos a entoar o canto da liberdade que nos fai sinxelos, humildes, servidores e felices.

1 comentario: