miércoles, 22 de mayo de 2024

DIA 22: XA NON MIRAMOS O TEMPO NA FRANQUEIRA

 

DIA 22: XA NON MIRAMOS O TEMPO NA FRANQUEIRA


Hai ben poucos día, que o reloxo vai ás presas que non para, estabamos a ver unha e outra vez con certa preocupación como ía isto da metereoloxía. Unha semana cretamente de vértigo. Non ben dicían que chovía como que abría e clareaba. Non me extraña que digan que os galegos andamos con algunha que outra dúbida, sómosche un pouco como o tempo nesta primavera. Pois despois dun sábado rabudo, con choiva a cachón, veu un domingo con desexos de abrirse e deixar lucir algo o sol. Pero o que a todos nos tiña nun puño era ver que pasaba o luns das Pascuillas. E chegou unha mañá aberta e clariña coma se dunha sorpresa da Nai nos tiña preparada. Unha friaxe matinal que deixaba aos romeiros camiñar coa frescura dun día cheo de ledicia. Unha nubes que paseniñamente foron cubrindo o ceo e respectando a Misa e a procesión. Aínda estabamos con dúbidas na mesma fin da celebración pensando a posibilidade de ir cas imaxes ata o santuario, pero os trebellos informáticos manuais ían dicindo pronósticos contradictorios. Tocou man da intuición. Como está a Paradanta? Con neboeiro. Pois logo non émoito de fiar. Non a néboa mesta da mañá que ás veces ven desde o Miño, non, a brétema que trae a humidade das choivas. Para onde viran as bandeiras da torre? Para Prado. Logo ventamos choivas. Fomos deliverando e decidimos quedarnos a cuberto. Certamente foi unha mágoa que viñese a chover media hora na hora da tarde, pois desluciu as despedidas e puxo de novo a proba a devoción dun pobo crente.


E onte e hoxe, xa nada nos preocupou do tempo, máis que incomodidade de que as leiras non poden deixar agromar as sementes e está a estragarse todo, pero que xa nos cansa un pouco este inverno prolongado con recreos de veráns rabudos. A néboa pechou e a humidade xa é dona de novo do seu territorio. E unha vez máis temos que erguer os ollos e dicirlle á Nosa Señora, Virxe da Fonte, Raíña da Paradanta, Señora dos Romeiros e pritectora dos camiños, que non podemos máis que darlle as grazas por tanta xenerosidade.

Fomos quen de deixarnos sorprender pola alegría e a fortaleza dos peregrinos, da vitalidade dunha romaxe centenaria que volve renovarse como cada ano coa forza do Espírito. Unha Igrexa en camiño que proclama con María as marabillas de Deus. Dar as grazas á parroquia de Piñeiro polo traballo de axudarnos a rezar coa ofrenda que presnetaron. O agradecemento ao Bispo, aos párrocos e ás parroquias. Dar as grazas ás autoridades, ao Concello e ás forzas de seguridade e o persoal sanitario. E finalmente, por suposto, dar as máis sinceras grazas aos voluntarios e voluntarias que fan posible esta celebración preparando cada detalle e tendo todo dispostos, sin eles non sería posible, sin a xenerosidade e o labor desinteresado non poderiamos lograr este labor. Dar as grazas aos porteadores da imaxe do Rosario que fixeron as cortesías, dos responsables do canto. Así como a empresa de colocación da carpa, do son da Misa e a de limpeza dos baños. 

O vindeiro ano 2025 celebramos as Pascuillas o día 9 de xuño, o faremos no marco dun Xubileo universal ao que nos ten convocados o papa Francisco cunha chamada á esperanza.

Grazas

No hay comentarios:

Publicar un comentario