domingo, 23 de julio de 2023

A SEMENTE QUE VAI DANDO FROITO

 


Este domingo convida aos crentes a seguir afondando no significado do Reino dos Ceos. Mateo recopila as parábolas que Xesús, coa sabedoría coa que nos desvela o máis íntimo da acción de Deus no seu plan de salvación, e faino coa do trigo no xoio, a semente da mostaza e a levadura na masa. Deste xeito dinos que o Reino ten que afrontar con realismo o mal que está presente no mundo, non lograremos a meta de todo, nin faremos posible que chegue a plenitude, iso corresponde á forza do Espírito e á fin dos tempos. A nós, que medramos cada día neste mundo móvenos a esperanza de que na fin, na seitura, todo será para a verdade e a vida, a auténtica xustiza e a paz. Nós traballados polo ben, pola comuñón e o amor, co perdón e a misericordia, pero o xoio, o mal, pretende frear a forza do Reino. Desde a sinxeleza e humildade, o pequeno e a discreción, poderemos ser no mundo semente que medra e levadura que fermenta, que transforma e renova.

As tres parábolas teñen algo en común, que Deus, diferente do mundo, espera con paciencia que vaia medrando, madurando e dando froito. Todo ten os seus tempos e o ritmo de Deus é distinto do noso.

Hoxe celebramos a xornada dos maiores e avós. Promovida polo papa Francisco é unha invitación a cantar con María, na vsiitación, que Deus transmite a súa misericordia de xeración en xeración. Así tamén sucede na familia dando, por parte dos maiores, un testemuño de fe e de vida, de experiencia e de tenrura, de coidados e de amor aos máis novos. Correspóndenos a nós dar grazas por este testemuño.

Nesta experiencia podemos ver que a semente do Reino xa se albisca o froito que fai medrar dos maiores aos máis novos. 

Feliz domingo a todos

No hay comentarios:

Publicar un comentario