Xesús camiñaba polos lindes das terras que eran desprezadas e polos lindes das persoas que eran desterradas. Pero non ía ás presas, sen saber onde pisaba, camiñaba cos pes e co corazón, coa ollada posta nos que chama irmáns e disposto a escoitar o laio dos doentes e dos miserables. Por esta razón, onde os puritanos e legalistas, defensores da pureza e cun corazón corrompido polo egoísmo, que senten vergonza dos semellantes, exclúen aos que son unha ameaza e adornan con posturas hipócritas a súa incapacidade para amar (disto segue a haber a milleiros, e algúns con voz pública que defenden as bondades de botar fora aos que nos "contaminan" cando son eles os que mancillan a dignidade da persoa coas súas verbas corruptas). Pois onde moitos ven inimigos, Xesús, camiñando polo mundo, ve irmáns que sofren. Xesús ve oportunidades de fraterna comuñón na que se pode acompañar a saír da fosa profunda onde a vida tantas veces os teñen enterrados.
Cando os 10 gafos berran ao lonxe din unha palabra, suplican unha mirada, piden compaixón. Nada máis e nada menos.
Agora ti, irmán que queres estar na fronteira do corazón, pecha os ollos, sinte o laio dos que berran e din hoxe no barullo dun mundo ás presas: ¡compaixón, pidedade!... como a dos pobres que na porta das romarías e nas feiras berraban por unha esmola... mira para min e dime se non son digno de compaixón, merecente de ser axudado.
Penso que nesto último está clave do leproso samaritano, sandado da súa doenza mortal, que regresa con chimpos de ledicia, loando a Deus e dando grazas. Sendo da condición da que viña, nen sequera podería dicir merezo ser digno de compaixón, e descubre ser un home novo, a grandeza da gratuidade do amor de Deus, que non fai acepción de persoas e ama a todos. No que os preferidos do seu corazón son os non chamados, os esquecidos e alonxados.
Neste domingo quero convidarte meu irmán, a camiñar cun corazón agradecido sabendo que foi polo amor que Deus nos amosou no que se fai pobre na miseria da humanidade para facernos partícipes da riqueza do seu don.
Hoxe, Domingo, renovamos a nosa condición de fillos rescatados, sandados, limpos nas augas do bautismo, resucitados no que rompe as cadeas da morte e vence as poutas da corrupción. Somos merecentes? Nós, extranxeiros e terra allea, peregrinos dun mundo que nos foi dado, camiñantes na busca da verdadeira patria, queremos unirnos na loanza agradecida do sandado da súa lepra, para con el proclamar "bendito sexa Deus que nos ten limpado"
Seguimos a celebrar estar xornada polo Traballo decente, pidamos un traballo digno para toda a xente.
Que pases un feliz día e pide ao Señor que non peche o noso corazón.
Xabier Alonso
Do Evanxeo segundo Lucas
Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, e dando voces suplicáronlle:
‑Xesús, Mestre, ten dó de nós.
El, ó velos, díxolles:
‑Ídevos presentar ós sacerdotes.
E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
‑¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
‑Érguete e vaite: salvoute a túa fe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario