miércoles, 8 de julio de 2020

UNHA PALABRA DE ESPERANZA

Unha palabra de esperanza.
Hoxe é día 8. Como cada mes temos celebrado a Eucaristía no Santuario. Eramos un grupo ben numeroso para ser día de semana. O verán facilita que poidamos achegarnos á Franqueira. Un grupiño tamén de xente nova. Alentador.
Desde que comezamos esta nova etapa procuramos que a Misa sexa un momento de calma no medio da tempestade. É de destacar o silencio na asemblea, non so porque a máscara nos impida comunicarnos con serenidade. Creo que estamos nun tempo de busca. O corazón está inqueda ata atopar descanso e paz. Pero non unha paz que procede da ausencia dos perigos, senón a paz que ven de atopar un camiño de futuro, unha esperanza segura.
Nestes meses aluma unha veliña no altar. Un cirio que coa súa tenue luz estanos a falar desa lumieira que rompe as tebras. É a lembranza física dos enfermos, das familias e das vítimas da pandemia. Aí estamos nós, todos, porque dun xeito máis grave ou máis levemente, todos somos partícipes das consecuencias desta enfermidade. 
O texto do evanxeo que lemos nesta celebración foi a visitación. María, non espera, sabe que levando ao Fillo de Deus nas súas entrañas, está capacitada polo don do Espírito, a levar unha morea de esperanza ao fogar de Zacarías e Isabel. Todo se renova na presencia do Señor.
María canta as marabillas da acción do Señor. Di unha palabras que resoan aíndo hoxe, e máis na voz dunha xove muller, de aldea, pero inundada dunha visión nova. Aqueles que xa viven na fartura das súas autosatisfaccións, nas riquezas que enchen o peto, nas mentes e as actitudes enchidas de orgullos, xa están satisfeitos, ou iso pensan. Deus ven rescatar e por nos tronos aos humildes, alimentar aos famentos. Dar saúde. Sí dar saúde, salvación.
María, imaxe da Igrexa, descúbrenos a nos tarefa. Axudar a vivir sanamente, ter unha visión da vida coa confianza posta na esperanza.
Hoxe alumea nos nosos corazóns a luz da esperanza.
Non teñades medo. Poñede no Señor o voso corazón. Esperade no seu amor. Descansade en El.

Xabier Alonso


No hay comentarios:

Publicar un comentario