miércoles, 14 de septiembre de 2022

SANTA CRUZ

 

Hoxe celebramos unha festividade marcada pola Cruz. A Exaltación da Santa Cruz lembra o hachado da venerada reliquia en Xerusalén por parte de Santa Helena, nai do emperador Constantino. Onde fora crucificado Cristo construiran un templo adicado a Venus coa intención de borrar a memoria cristiá, pero todo quedou agochado baixo terra. Será esta santa muller a que redescubra o Calvario, o Santo Sepulcro e o lugar onde fora depositada a Cruz. Esta reliquia foi posteriormente saqueda polos persas, ao recuperala, congréganse para a súa veneración, que é o que hoxe se nos convida a renovar. 

O que para os ollos do mundo produce rexeitamento, escándalo ou negación, para os crentes afianza a nosa fe e quen nos ama ata a fin. Contemplar a Cruz é abrazar o amor, abrir os brazos ao encontro con que desexa cada instante abrazar ao mundo dando a súa vida, Cristo. 

Como ben sabedes, hoxe estaba prevista a subida en peregrinación desde o santuario da Santa Cruz de Baldomar, en Santa Mariña de Covelo, ata A Franqueira. Unir estes dous lugares co signo da Cruz pois no 2022 celebramos asemade os 460 anos da Cruz parroquial da Franqueira. Unha preciosa peza de orfebrería da época cisterciense, que mostra un sen fin de detalles simbólicos dignos de estudo.

Debido ás choivas, que grazas a Deus caen con forza para enchoupar a terra, pospoñemos esta peregrinación, que será en poucos meses o comezo dunha lista de propostas de camiño para reactivar os vieiros de chegada ao santuario con temáticas axeitadas a unha pastoral renovada.

Baldomar é un precioso exemplo de arquitectura barroca que garda unha expléndida catequese da paixón do Señor nun baldaquino que é o centro do templo. Vale a pena achegarse ata aquí e contemplar esta magnífica obra.

Esta tarde celebramos a Misa ás 6 na Franqueira e teremos a Cruz parroquial para coñecela mellor e daremos a venerar unha sagrada reliquia da Cruz que custodiamos neste santuario desde hai moitos anos.

Xabier Alonso


No hay comentarios:

Publicar un comentario