Hai unhas semanas o cardeal Gianfranco Ravasi, presidente do consello da cultura da Santa Se, impartiu unha conferencia sobre a cuestión do turismo relixioso na Embaixada de España en Roma. Describiu, facendo memoria dunha palabra árabe, que hai tres clases de viaxeiros, os que camiñan cos pes, os que camiñan cos ollos e os que o fan co corazón. Os primeiros son os mercaderes, que van dun sitio a outro buscando facer o seu labor de venda. Estes, chegan, fan o seu traballo e marchan. Os segundos, son os que observan os acontecementos como espectadores do acontecemento. Os terceiros, son os que peregrinan co corazón, adentran no profundo do que acontece e, nin veñen indiferentes, pois son actores, e non marchan de calquer xeito, pois a súa vida queda transformada, renovada, revitalizada. Os tres estilos vense na Franqueira na súa Romaría que acabamos de celebrar. Sen quitarlle o seu lugar a cada un, considero, que é de agradecer que nesta ocasión todos os peregrinos das diversas parroquias que nos reunimos no luns pasado demos unha mostra máis de vitalidade. O que si importa e que ninguen quede indiferente ante o que pasa nunha romaría coma esta. Gustaríame apuntar varios aspectos convosco:
1.- O agracedemento ás comunidades parroquiais. Un ano máis, despois do que significou a paréntese das restriccións a causa da pandemia, demos un exemplo de fe e vitalidade. A pesares das dificultades, que non son poucas, pois as parroquias rurais van mermadas, e non cabe dúbida, que esta situación pegou duro e dámonos conta das persoas que non poideron vir, os responsables das parroquias fixeron un novo esforzo por estar a altura. As imaxes viñas engalanadas coma nunca, fermosas, e cada un embelecía coa súa ledicia, de volvernos xuntar e acompañar ás nosas santas con este sentido de Igrexa en camiño. Quero agradecer a todos o que o fan posible, tamén aos párrocos que animan ás parroquias a participar. Eles son un pilar fundamental na boa marcha desta peregirnación.
2.- Neste ano cabe destacar o respecto e silencio que rodeou toda a peregrinación. A pesares do mal tempo todos nos demos conta do desexo de rezar e dar grazas, de pedir e renovar a fe. O bispo e os sacredotes comentabamos que na Misa solemne, na que participastes milleiros de persoas, en torno a 8.000, houbo un clima de oración e de silencio que axudou a celebrar con solemnidade esta Eucaristía. Dou as grazas ao Sr. Bispo pola súa presenza e as súas palabras de ánimo a todos falándonos da importancia dos santuarios como lugar de encontro e de identidade do noso xeito de vivir a fe. Nun santuario non perdemos a nosa identidade de parroquia, pero nos vincula esta Nai que nos convoca.
3.- Expreso o meu agradecemento de todo corazón as persoas que entregan o seu tempo, esforzo e dedicación coma voluntarios para que todo se realice con cariño. Detrás desta Romaría hai moito traballo calado que é signo de cariño á Virxe da Franqueira.
4.- Grazas ás autoridades, o Concello e aos membros dos corpos de seguridade que velan polo bo facer, o orde e coidado da limpeza, o tráfico, a sanidade, os sanitarios que atenderon as ambulancias e os que atenderon a todos.
5.- Considero que cada parroquia e cada peregrino volveu a casa coas mensaxes que quixemos transmitir nesta cita: achegarnos á fonte santa de María, manacial onde abrolla a auga viva que é Cristo, que nos sacia a sede de comuñón e de vida; a lumieira de fe que nos descubre no camiñar da vida onde saber escoller o mellor e acompañar aos que se senten perdidos ou nas tebras da tristura; a paz necesaria nun mundo cargado de divisións e violencias. Creo que non volvemos igual, que a nosa vida deu un paso adiante, que as cousas poden mudar para ben.
6. -Por último, que é o máis importante, quero dar a grazas a Deus, Señor da Vida e dono de todo Amor. Ao Pai de tenrura, que nos entrega esta Nai nesta montaña, que nos amosa co seu poder entrañable o camiño da fe, que nos impulsa coa forza do Espírito, que nos axuda a sentirnos e sermos a Igrexa de Xesús, a ser irmáns.
Rezo por todos vós. Pídolle á nosa Naiciña da Franqueira por todos e cada un. Desexo e espero que nos poidamos atopar por moitos anos no altar e rezar xuntos. Recibide tamén a pregaria polos nosos doentes, polos maiores e polos máis novos. A todos un abrazo de irmán.
Xabier Alonso
No hay comentarios:
Publicar un comentario