martes, 6 de enero de 2026

CANTO DE REIS


CANTO DE REIS 

Que duro debía ver o inverno, e que difícil pasar cada noite nos tempos antergos, e posiblemente, non hai tantos anos. Noites longas, frías, que se prolongaban, non o máis que podería ser, queimar unhas rachas na lareira, un tizóin que fose guieiro minúsculo nos camiños angueiros. Noites longas, de contos de vellos, historias de medo mezcladas coa saudade da mocidade. Tempos de negrura dos fumeiros, enchidos de futuro para a mantenza das moitas bocas do fogar. Tempos de silencios que se fan eternos. 

Non quero pensar o que sería pasar noites a carón dunha cama con alguén padecendo dores de enfermidade, ou os berros da moza coa parteira da aldea que axuda a vir ao mundo un pequeniño. E naquelas, como tempos de tempos pasados, fálase da luz, esa que desexan os ollos que remate o inverno. Estrelas e cometas, regalos, zocos e tramancas postos ao orballo na espera dun caramelo coa que endulzar o día de reis. Os había que poderían ir a algunha feira, erguéndose cedo, para ver se arrepiñaban algo que na tradiña servise de remate das festas. Cantos de reis que percorren a aldea proclamando entre galego e castellano, que José e máis María van recibir a visita dos que veñen do Oriente. 

En tempos de miseria, como os que pasaron a parella de Belén, falar de regalos de reis, de magos e pombas feiticeiras, que elevan ao ceo os corazóns baleiros, é cargar de cores os vidros empañados dunha paixase que se desperta entre cantos de galos e chocas do gando. 

José e mais María, co meniño envolto nuns mantóns, saben que o rei dos reises ven reinar nos corazóns. Noites de espera, que falan de futuro cando veña a alborada, cantos de reis que piden aguinaldo. As portas quedan abertas, pois os nenos da parroquia, van e veñen polas eiras, a dar quentura no inverno do xaneiro que queima co vento as meixelas indefensas dos vellos e das mozas. Nenos que coa brancuras das roupas de liño, lucindo cores de cintas e panos de floriñas, abren os ollos coas bágoas que esbaran da friaxe da mencida. Reise que van e veñen, petando portas nas que sae o fume do lume recén aceso do rescoldo de cinsas húmidas. Reises que van e veñen, petando nos corazóns adormecidos, para que espabilen e se ergan que o inverno va irá esmorecido. Doces e uvas pasas, figos e laranxas, bicos e sorrisos, os reises hoxe tamén pasan. 

José e máis María, pola nosa porta pasan, a mostrarnos ao meniño para que o collas no colo e recoñezas que él é a luz que alumea a todos os pobos. Rei de reises que veñen de lonxe, hoxe poño na miña casa o trono no que ti reinares, non me deixes na noite, que na vida hai moito que cantare.

1 comentario: