viernes, 12 de julio de 2024

SAN TELMO E APÓSTOLOS

 SAN TELMO E APÓSTOLOS 


Benaventurado
Pedro González Telmo

Rematamos a nosa visita por algúns dos persoeiros que están representados no coro da Catedral de Tui. Facémolo co sitial que ocupa a parte central. Non é a cátedra que se sitúa noutro espazo. Ten como represnetación a do patrono da diocese San Telmo. Está vestido co hábito dominico e ten os símbolos propis, o barco e a vela. Como ben sabemos é o patrono de navegantes e o seu culto está espallado por todo o mundo, están localizados máis de 300 lugares nos cinco continentes. A obra a que nos dedicamos hoxe está datada en 1700. Sobor do santo atopamos o escudo de Anselmo Gómez de la Torre, bispo da diocese cando se fixo esta obra. Aos seus lados están as imaxes de San Pedro coas cadeas do seu prendemento aos pes e San Paulo co libro nas súas mans. Pedro e Paulo, columnas a Igrexa apostólica, xunto cos outros discípulos do Señor, constitúen o colexio dos apóstolos dos que os bispos son os seus sucesores. 

San Paulo


San Telmo, nado en Frómista, fixo carreira eclesiástica sendo nomeado deán da catredral de Palencia. A tradición sitúa a súa conversión na caída do cabalo que se ergueu de patas dianteiras ao paso do afamado deán ante a admiración do pobo que o veu ir ao chan, pasando da gloria a humillación no canto dun galo, coma quen di. Avergoñado foi quen de facer un camiño de conversión aceptando ingresar na nacente Orde de Predicadores de San Domingos. Vive como un atleta da fe e un voceiro da verba de Deus espallándoa por todas partes. Percorre case a península cristiá, incluso acompañando ao Rei Fernando nas batallas reconquistadoras. Decide seguir o seu peregrinaxe cara ao norte chegando ás terras miñotas. Predica a tempo e a destempo, mais acompaña a súa palabra coas obras de misericordia e o favorecemento das comunicacións, así contan que grazas ao seu empeño foron construidas as pontes da Ramallosa e de Castrelo de Miño. Asenntado en Tui dedica o seu empeño en anunciar a Boa Nova. Na Pascua de 1246 decide emprender o camiño a Compostela, pero a súa saúde queda resentida por un mal de febres que o fan voltar á capital tuidense. No lugar que ocupa a igrexa a el dedicada foi quen de subir aos ceos, quedando o seu corpo, denominado despois "Corpo santo", destinado a lembrar a súa vida e soterrado na catedral. Foron moitos os que testificaron a curación dos seus males grazas á súa intervención. 

San Pedro


En Telmo, benaventurado pai da nosa diocese, vemos hoxe exemplo de entrega sen lindes, testemuña de amor por todos e graza desbordada polos máis febles. A el seguimos encomendar a nosa Igrexa que peregrina en Tui-Vigo para que, acompañados polo seu exemplo e a súa valía teñamos abertos os corazóns e a ansia de anunciar a todos o Evanxeo de Xesús.

Por último, asemade do noso patrono o Benaventurado Pedro González Telmo, os apóstolos Pedro e Paulo, a nosa igrexa catedral ten na sancristía os relevos de todos os apóstolos, un signo máis da unidade e do vínculo coa comuñón da Igrexa universal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario