Hoxe estamos a celebrar a solemnidade do Apóstolo Santiago, patrón de Galicia e das Españas, como rezaba antigamente. O amigo do Señor, dos primeiros chamados, a testemuña de momentos cruciais na vida de Cristo, decidido ata o absurdo pero que deu pe á ensinanza de que para ser o primeira hai que ser escravo. O primeiro en entregar a vida polo Señor, evanxelizador ata o fin da terra. Este é Santiago, o noso patrón.
O Evanxeo que trouxo o Apóstolo tamén configurou o ser do noso pobo, aínda que nos quede moito por facer. O galego/a ten uns valores que non podemos perder e que nos axudan a medrar na fe. Somos íntimos, buscamos no interior do noso ser, aínda que un pouco melancólicos e ás veces tristeiros; sentimos morriña cando estamos lonxe da terra o que nos axuda a non esquecer as nosas orixes, pero moi minifundistas, apegados a un cachiño que nos cega a non ver a globalidade; hospitalarios, pois acollemos milleiros de peregrinos, pero un pouco desconfiados porque nos deron moitas labazadas; festeiros mostrando a ledicia que desexamos para todos, pero pouco fonda que se nos desmonta á primeira dificultade; sabemos que o podemos facer ben e cando queremos facémolo, pero ás veces nos perde pensar que coma o noso non hai; gústanos reírnos de nós mesmos, pero ás veces reímonos ata parece que nos desprezamos; temos imaxinación, pero tamén nos gusta copiar o que ten éxito e podemos perder a esencia; emprendedores fora da casa, aínda que miramos para o eido dentro do fogar; cando acertamos no que queremos facer facémolo, pero cústanos decidirnos; e outras moitas cousas.
Señor Santiago, amigo e patrón, axúdanos a vivir a intimidade co Señor Xesús, a compartir cos demáis a nosa fe, a saír ao encontro dos demáis, a sermos peregrinos no mundo anunciando a Boa Nova. Protexe ao noso pobo e danos ánimo e esperanza.
Nosa Señora da Franqueira, axúdanos a sermos apóstolos.
Feliz día de Santiago
Javier Alonso
A Franqueira
25-07-16
No hay comentarios:
Publicar un comentario