miércoles, 25 de diciembre de 2024

UN PORTAL SEN PORTA, UNHA PORTA ABERTA Á ESPERANZA


UN PORTAL SEN PORTA, UNHA PORTA ABERTA Á ESPERANZA

Ao longo destes días moitas olladas están postas nos centos e centos de representacións do Nacemento de Xesús. Hainos de moitos tipos e moi orixinais, podemos facer unha visita á exposición de Beléns do Mundo na Catedral de Tui, ou o famoso e concurrido Belén de Manolo en Mondariz Balneario, ou nas nosas igrexas parroquiais, ou en centros como o da Lamosa. En todos pomos o portal, ou o alpendre, ou o canizo, chamémoslle de moitas formas, como un espazo aberto, no que cabe todo, os animais, os pais do neno, no centro a criaturiña e pastores, ovellas, reis, todos chegando, e incluso amontonados cos seus xestos característicos: adorando, entregando agasallos, ata anxiños coas súas ás. Portal sen porta, pois é un lugar onde se permite a entrada a todos, onde ninguén queda fora, onde os extraños atopan cariño e os desprezados reciben sorriso. Un portal sen porta que se fai entrada de encontro e comuñón do divino e o humano, onde Deus da paso á persoa para atoparse con Deus e o Fillo entra na historia da humanidade abrindo unha porta de acceso ao amor.

Onte o Papa Francisco abriu a Porta Santa de San Pedro do Vaticano inaugurando o Ano Santo 2025. Unha porta aberta para adentrarse na misericordia entrañable do Señor, para entrar na comuñón con Deus e cos irmáns, unha porta, que Deus abre para que non pechemos as portas do corazóns, senón que, esteamos abertos á esperanza. Na súa homilía o Papa convídanos a non pechar as esperanzas das persoas que sufren desalentos e tristuras. Déixovos un fragmento das palabras do Papa na noite pasada.

El Jubileo se abre para que a todos les sea dada la esperanza, la esperanza del Evangelio, la esperanza del amor, la esperanza del perdón.

Volvamos al pesebre, contemplemos el pesebre, miremos la ternura de Dios que se manifiesta en el rostro del Niño Jesús, y preguntémonos: “¿Tenemos esta expectativa en nuestro corazón? ¿Tenemos esta esperanza en nuestro corazón? Contemplando la benevolencia de Dios, que vence nuestra desconfianza y nuestros miedos, contemplamos también la grandeza de la esperanza que nos aguarda. Que esta visión de esperanza ilumine nuestro camino de cada día” (cf. C. M. Martini, Homilía de Navidad, 1980).

Hermana, hermano, en esta noche la “puerta santa” del corazón de Dios se abre para ti. Jesús, Dios con nosotros, nace para ti, para mí, para nosotros, para todo hombre y mujer. Y, ¿saben?, con Él florece la alegría, con Él la vida cambia, con Él la esperanza no defrauda.

As portas dos nosos fogares neste día santo ábrense para sentar na mesa a familares e amigos, compartir vida e ledicias, abrir camiños de fraternidade e comuñón. Benqueridos amigos, fagamos da nosa casa unha porta aberta como signo xubilar de que Deus cumpre as súas promesas de salvación. Abramos portas a que poidamos experimentar que o Neno Deus nado en Belén, que abre as portas da vida, fai posible que coñezamos ao mesmo Deus, que nos aprendamos a vivir en el e que nos encamiñemos na esperanza de poder ser nós mesmos con el. 

Onte comezou esta nova xeira que é o xubileo marcado pola esperanza, dentro duns días serán as dioceses as que inauguren este tempo xubilar nas catedrais. Como ben sabedes o santuario da Franqueira tamén é meta das peregrinacións xubilares para que entremos na porta do perdón, que non é física, senón que é o mesmo Xesús, pois quen o coñece a el coñece a misericordia e o amor.

Irmás e irmáns bo Nadal e moitas felicidades.


No hay comentarios:

Publicar un comentario