miércoles, 31 de agosto de 2016

2 NOVENA Á NOSA SEÑORA DA FRANQUEIRA



Celebramos hoxe, no medio do barullo político de discursos e intentos de investidura, o segundo día da novena en honor da Nosa Señora  da Franqueira. Non podemos absternos de intentar comprender este mundo e de dar unha palabra alentadora na infecundidade que ás veces nos ten sumido o xénero humano, caendo nun pesimismo non propio dos que cren, senón dos que se senten abocados ao fracaso. As veces penso se non serán artimañas do mal para que non creamos no proxecto humanizador de Deus para os seus fillos.
Hoxe achégasenos a Virxe María co texto da Visitación. É este un canto de loanza á misericordia entrañable coa que Deus visita ao seu pobo. É fundamentalmente o que contemplamos, os "efectos" inmediatos da acción grandiosa e desbordante do noso Deus. María fai saltar a criatura que Isabel leva no seu ventre, porque o gozo e a ledicia están presentes. María vennos visitar nestes día traéndonos o rostro misericordioso. Ela xa comprende que levando ao Fillo de Deus, o Mesías, acción do Espírito fecundo, non se pode agochar, senón levar xa e poñer en práctica as obras de misericordia. Levando a ledicia, poñéndose ao seu servicio, reflexa o que é a Salvación xa para este mundo. 
María canta o Magníficat preciosas palabras que convido que meditemos. Descubramos nas verbas de María a intervención da Misericordia do Señor.

Proclama a miña alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito en Deus, o meu Salvador,
porque reparou na humillación da súa escrava.

Desde agora chamaranme ditosa tódalas xeracións
porque fixo marabillas en min o Poderoso;
o seu nome é Santo,
e a súa misericordia chega xeración tras xeración
a tódolos que o temen.

Manifestou o poder do seu brazo,
dispersou os soberbios de corazón.
Derrubou os poderosos dos seus tronos
e elevou os humildes,
os famentos encheunos de bens,
e os ricos despediunos baleiros.

Amparou a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia,
conforme llelo prometera ós nosos pais,

a Abrahán e á súa descendencia para sempre.

Feliz día
Javier Alonso
A Franqueira
31-08-16

No hay comentarios:

Publicar un comentario