Estamos na metade do mes de setembro que ten o seu cerne no santuario da Franqueira na celebración das romarías que na honra da Nosa Señora se celebran con gran solemnidade. Está sendo este ano moi especial por estarmos a celebrar o Ano Xubilar da Misericordia. Foron moitos, e serán, os que durante todo este tempo veñen en peregrinación para gañar as grazas xubilares. Un ano no que percorremos os camiños deixándonos atraer, por medio da tenrura de María, ao corazón misericordioso do Pai Bo. Facemos deste xeito o caño da misericordia achegándonos de dous xeitos, un cara adentro e outro cara fora. O primeiro é adentrarnos no agasallo do perdón, tan necesario nas nosas almas. Aínda que ás veces nos deixamos levar por unha ollada superficial das nosas vidas, cando deixamos que a Graza do Espírito penetre en nós coa súa fermosura, descubrimos a nos miseria. Non para desesperanza senón para alentar a nosa ledicia de que o pai espera á porta para acollernos e perdoarnos. Por iso, a porta do santuario da Franqueira, proclamada Porta Santa da Misericordia, achéganos ao sacramento da Reconciliación para poñernos de xeonllos e deixarnos erguer da nosa postración. O confesionario do santuario está no centro da nave da igrexa, e agora durante este mes, ten ao seu carón a imaxe procesianl colocada no seu carro, así, aos pes de Santa María, cubertos polo seu manto misericordioso, deixándonos ollar pola súa mirada de amor maternal, pedimos perdón e recibimos a gracia da reconciliación. Reconciliar, isto é, re-conciliar, volver á conciliación, á comunión con Deus e cos irmáns, coa Igrexa e coa creación, rehabilitados no corazón sandado das nosas feridas podemos sentar á mesa da comunión de celebrar a fe recibida. É moi importante renovar esta fe facendo profesión dela repetindo o credo e proclamando a nosa filiación.
O camiño non remata na Franqueira, senón que continúa, faise camiño de misericordia saíndo ao mundo e levando o termos recibido. No exterior do templo podemos ollar tres cadros que representan as tres parábolas da misericordia do evanxeo de Lucas. Na capela da Penitencia está o cadro do Regreso do fillo pródigo, unha fermosa pintura que nos lembra a escea que se fai realidade no nos corazón ao sermos perdoados. O segundo é a do Bo pastor, pois todo é gracias ao empeño que ten o Señor de saír á nosa busca, aínda que moitas veces teñamos dado as costas ao seu amor pensando que noutros pastos poderemos atopar felicidade e ledicia.
O terceiro está en frente da porta da misericordia, é a parábola do Bo Samaritano. Está colocado na casa chamada Mater Misericordiae, o local onde ten a súa sede o equipo de Cáritas interparroquial. Lémbranos o momento en que o samaritano coloca na súa cabalgadura ao home ferido. Así, as obras de misericordia que se nos propoñen neste ano non son so actos concretos, senón un estilo de vida que transmite o noso encontro coa bondade do nos Deus. O Pai Bo, coa forza do seu Amor e o camiño aberto polo Resucitado, Bo Pastor e Bo Samaritano das nosas vidas, convídanos a que a peregrinación non remate senón que siga a facerse vida en cada irmán que atopamos no camiño. Hoxe son moitos que precisan ser consolados, curados, coidados, alentados, fortalecidos, animados, perdoados, recuperados do seu desalento. Non quedemos indiferentes ao paso dos que están connosco, aínda que moitas veces non expresen o que necesitan. Pero se vivimos na fe, ben seguro, saberemos ler o corazón e descubrir nos ollos entristeciados a mágoa pola que están a atravesar.
As túas mans, feitas para acariñar, son tamén as mans da muller nova que ben sabe de sufrir e que mantén alentada a nosa fe.
Remata a peregrinación na fonte da Virxe, pois co seu nome, Virxe da Fonte, Ela manifesta a frescura da fe que nso mantén no cansazo do camiño. Bebe das súas augas rebuldeiras e da de beber o corazón sedento. Rezando a Salve proclamamos que ela volve cara a nós os seus ollos misericordiosos.
Benqueridos irmáns, feliz día
Javier Alonso
A Franqueira
16-09-16
No hay comentarios:
Publicar un comentario