jueves, 1 de octubre de 2015

DEBULLANDO A VIDA



Xa os campos de millo foron perdendo o seu verdor e a sequedade impón as súas cores ocres. As espigas están medradas e ben formadas, o gran endurecido e todo disposto para a colleita. Logo da vendima ven recoller o millo. Os canastros xa están limpos para enchelos coa nova cor amarela de ouro que será o alimento para o gando, as galiñas e facer de vez en cando algún bolo ou unha broa de pan quente que arrecende. A imaxe posterior será a de estar na porta da casa, aproveitando a raxeira dun solpor, ou o calor da lareira ou da cociña de ferro, para ir debullando as espigas.
Debullar, ir arrancando gran a gran, para que pouco a pouco poder moelo no muíño. Debullar como se debulla a vida, día a día, paseniñamente como se pasan as xornadas logrando comprender non o gran solitario, senón todos xuntos na grandeza e na riqueza da colleita. A vida debullada pasando cada amencer como unha nova expectativa, sen deixar de lado o que temos vivido. A vida debullada gran a gran con cada experiencia, con cada chamada dun novo reto respostada, con cada bágoa cariñosamente aceptada, con cada sorriso co que se goza do existir, con cada conversa que supón reforzar a unidade, con cada perdón orgullosamente aceptado. Debullando a vida para descubrir, como exploradores intrépidos, un novo continente por conquistar. Debullando a vida como investigadores que buscan unha nova fórmula para respostar ao misterio do que é a vida. Debullar como homes e mulleres afeitos a saber saborear cada instante sen deixar pasar o sabor a doce do que está por vir, a tragar o amargo do que o sufrimento nos fai aceptar, a ollar o solpor sabendo que un novo día se abrirá.

Este mes de outubro temos na man o Rosario, e, cada conta é como un granceiro co que debullamos a VIDA que Deus fai connosco. Cada Ave María é unha palabra que non deixamos esvarar, senón, a palabra que sabemos gustar. Cada “milleiro” do Rosario é un contemplar a vida de Deus en nós, o gozo, a luz, a paixón e a dor, a resurrección e a vida, o triunfo e a eternidade. As ringleiras de pasar cada día con María para a vida contemplar.
Feliz día
Xabier Alonso
A Franqueira
01-10-15



No hay comentarios:

Publicar un comentario