miércoles, 21 de octubre de 2015

JUBILEO DE LA MISERICORDIA II. ¿Qué é un Xubileo?




Nunhas sinxelas verbas pretendo facerlles unha presentación, máis ben a vista de paxaro, do Ano Xubilar extraordinario convocado polo Papa Francisco o pasado 13 de marzo deste ano en curso. Unha das múltiples propostas ás que xa nos ven acostumando e, que é unha nova chamada a vivir unha renovación persoal a través da conversión, e de sermos evanxelizadores, esta vez amosando o rostro misericordioso de Deus. Os anos xubilares funden as súas raíces na mesma Historia da Salvación. Así, os libros de Levítico e Deuteronomio establecen as disposicións sociais como consecuencia de proclamar un ano adicado ao Señor. Cada 50 anos descansaba a terra, liberábanse aos escravos, perdoábanse as débedas e rescatábanse as propiedades. Un ano anunciado co son do corno de carneiro chamado yobel que proclamaba a ledicia, o xúbilo dun novo ciclo para o pobo. O cómputo de multiplicar 7 x 7 facía do cincuenta un ano excepcional.
Xesús será o que se identifique, como Señor do tempo, como a ledicia que ven rescatar a humanidade caída, sendo os novos tempos. En Lucas capítulo 4, na sinagoga de Nazaret, despois de proclamar o texto de Isaías “O Espírito do Señor está sobre min, porque me unxiu para proclamar a Boa Nova aos pobres, a liberación aos cautivos, a vista aos cegos, a liberdade aos oprimidos, anunciar o ano de gracia”, coa ollada de todos posta nel sentencia “Esta palabra cúmprese hoxe”. Así, podemos dicir Cristo é o verdadeiro Xúbilo. Con El chega a liberación do home e os tempos da Gracia.

No ano 1300 é o pobo que peregrina a Roma para celebrar o cambio de século, e deste xeito, ante a sorpresa do Papa Bonifacio VIII énchese de contido esta peregrinación espontánea ás tumbas dos apóstolos. Posteriormente fóronse establecendo nun ritmo cronolóxico ata os actuais cada 25 anos. Isto non impediu, como é agora o caso, que se proclamasen anos extraordinarios, así, os anos da Redención en 1933 e 1983, ou os anos marianos do 1954 e do 1987. Queda marcado a lume nos nosos corazóns o ano xubilar do 2000, no cambio de século e de milenio, levado a feliz término polo papa San Xoan Paulo II. Tamén contamos con xubileos de carácter local, pero que, supoñen tamén unha chamada entusiasta a peregrinar, como unha das características máis importantes: ¡quen non peregrinou a Compostela!.
Un Xubileo extraordinario como o que imos comezar ven motivado polo momento histórico que estamos a vivir, e a celebración dos 50 anos do Concilio Vaticano II. Unha efeméride que non pasa desapercibida senón que nos animará a adentrarnos unha vez máis nos documentos conciliares e a descubrir o Espírito que os anima e a chamada continua á renovación que se descubren. 
Convídovos a que fagamos unha lectura crente da nosa propia historia e que teñamos tempos para vover a orixe, ao auténtico, ao orixinal, como nos piden os xubileos.

Nosa Señora da Franqueira, Deus xa tiña escrito no seu corazón de amor o teu nome María para seres o comezo dos novos tempos.

Feliz día

Xabier Alonso
A Franqueira
21-10-15

No hay comentarios:

Publicar un comentario