Hoxe imos achegarnos a un pequeno recuncho das nosas parroquias. Unha fonte coñecida por todos na estrada que baixa de A Franqueira a Prado da Canda. Nela hai prantadas árbores desde a súa construción hai preto de 50 anos. Hai uns días un forte golpe de vento tronzou un dos abetos. Afortunadamente non causou máis que os danos da incomodidade de ter que retiralo da estrada.
No mesmo lugar, preto da fonte, hai unha árbore que sufriu no seu momento o golpe das inclemencias. Dobrou, pero non rachou. O que facilitou que, grazas á cantidade de auga e a forza das súas raíces, procurou saír adiante e agromar desde o tronco caído nunhas novas ponlas. Foi, pouco a pouco, recuperando a súa vitalidade.
Unha árbore era fermosa, esbelta, pois os abetos, cedros, e demaís da súa caste, son prantadas para embelecer. Nembargantes, a humilde árbore que sobreviviu non sei de caste é, pero ben seguro que non subiría ao alto, pero soubo manterse a ras de chan para seguir viva.
Nesta pequena imaxe convídote a que saibas superar os golpes, que fan sofrir e dobregar, afianzando as túas raíces na terra, alimentando a túa alma coa sabia do Espírito, a beber no manancial de Gracia, a recoller a Luz que da a vida. Ao mellor non darás moita sombra, nin serás moi admirada, pero é fermosa a túa vitalidade que nace da Vida resucitada.
Xa están cerca os cantos de ledicia e gloria, de vida e amor que saen dos labios dun pobo que rexurde do sepulcro. O xardín no que fora soterrado o Señor Xesús florece en fermosura de gracia e amor.
Feliz Pascua 2024
Xabier Alonso
No hay comentarios:
Publicar un comentario