jueves, 14 de junio de 2018

UN POQUITO DE POR FAVOR




Esta foi unha frase que se fixo famosa hai uns anos por unha serie de televisión. E isto é o que reclamo nalgunhas persoas "un poquito de por favor", "un poquito de educación" E insisto, "por favor".
Paso a relatar un detalle que me fixo reflexionar onte ao mediodía. Como saben algúns, teño por costume participar nas celebracións matinais da festividade de S. Antonio na parroquia da Florida de Vigo. Magnífico todo. Unhas celebracións tranquilas, coa participación de moita xente e os servizos desinteresados de moitas persoas da parroquia que fan posible que todo discurra con normalidade. Un grupo de sacerdotes que estamos a disposición dos que veñen ao longo do día: Misa, confesións, cantos, etc.
O que vou contar non é o máis importante, nin deixa de ser unha anécdota, e por suposto non empaña para nada o resto do día.
Ao rematar unha das celebracións, se non lembro mal, a das doce. Estabamos xa dispoñendo para ir para a sacristía, e unha señora, de mediana idade, moi mal encarada e de moi malas formas, achegouse a min, e cun tono moi despectivo e en alta voz declarou:
"¿Es que no se reza la oración de san Antonio al final de la Misa?, Esto es una vergüenza, resulta increíble..." 
Imaxinarvos a cara que se me quedou. Respota inmediata: "Eu non son o párroco". Non tiña eu o corpo para enfrentarme a este tsunami que viña de frente, e me coñezo e igual acaba enzarzado nunha discusión sen remedio.
Entón outro compañeiro, con máis man diplomática intentou, sen éxito, porque ela estaba nos seus trece e bloqueada, dar unha explicación "desde que comeza a Eucaristía ata que remata, todo está dedicado a S. Antonio". Intento fallido, as cartas diplomáticas viñéronse abaixo. 
Por fin chega o párroco que lle entrega unha estampa. Resposta: "la oración ya la se", e no mesmo tono e con cara de vinagre sae porta para fora.
¿Qué me fixo reflexionar?
Pois moitas cousas. Pero non quero entrar nin no ámbito litúrxico, nin no mal que me pareceu que alguén estea a reclamar unha acción devocional diante da imaxe a quen ven a rendelle a súa homenaxe, mentres o resto das persoas están a rezar, e a garganta pelada como estaba ela. Nin vou xulgar, nin a xustificar.
O que quero é compartir é isto:
Que noutros ámbitos, este é un caso excepcional, as persoas non se comportan deste xeito. 
Que o normal é preguntar, primeiro saudando, presentándose e dicindo que ten unha suxestión. Porque sinceramente eu a esa señora non a coñezo de nada e supoño que non sei se terei a oportunidade de vela na miña vida. Pero se a vexo non me lembro da súa cara.
Que se alguén ten algunha queixa preguntará quen é o responsable, ou a quen ten un que dirixirse.
Que se algo non me gusta porque se fai distinto a outro lugar podo manifestar a miña extrañeza, porque estou acostumado a outro xeito, pero podo saber cales son os costumes nesa parroquia.
Que non podo ir de dogmático pola vida nalgunhas cuestións secundarias, cando logo somos laxos e moi elásticos nas cousas fundamentais, como a Misa dominical, ou o compromiso eclesial, ou a oración ou a atención aos máis necesitados. ¿por qué somos máis papistas que o papa no que non é importante?. Que neste caso o papa o que di é que non andemos con cara de vinagre, que parece que Deus nos debe todo.
Que me gustaría saber por qué esta muller proxecta o seu enfado desta forma. Penso que cando somos críticos e esixentes con que ostenta o poder, véxase o clero, estoume crecendo.
O que non me deixou de sorprender que o pobre de S. Antonio estaba alí vendo todo, que pasou bastante desapercibido, dito sexa de paso, no medio de tanta xente, e que ao final quedou sen saber que recado traía a boa da muller.
Visto o visto, hoxe recei por ela, para que se resolvan os seus problemas, e nestas cuestións "un poquito de por favor".
Con cariño a San Antonio.

Feliz día
Xabier Alonso
14-06-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario