domingo, 23 de abril de 2023

PEREGRINOS


 Hoxe proclámase o texto dos discípulos que, camiño de Emaús, son acompañados polo Señor Resucitado. Un relato que nos enche o interior vendo a transformación que provoca e nos convida a sermos nós tamén transformados pola palabra de Xesús e a presenza eucarística.

Comparto convosco algunhas breves reflexións a partir deste texto.:


1.- Somos acompañados no camiño da vida. Frente ao individualismo e a sensación de que todo pode ser autoxestionado e superado polas propias forzas, Xesús desvela a pobreza interior, o vacío que provoca a tristura e a decepción do que pasou en Xerusalén. Así, no baleiro que se experimenta no interior, a proposta que se nos ofrece é unha fuxida cara adiante, buscar outros liberadores que non sexan asasinados como lle pasa a Xesús. 

Polo tanto, Xesús Resucitado, está, aínda que non o vexamos, nos momentos de tristura e decepción, de medos e vacíos.

2.- Xesús interpreta os acontecementos á luz da Palabra, das Escrituras. Desde o Conciñlio se nos ten falado da necesidade de facer unha lectura dos signos dos tempos. Saber descubrir a chamada de Deus na realidade da vida, e saber discernir o que espera de nós desde a actitude evanxélica e a forza do Espírito. Xesús non se une ao lamento, nin reforza a tristura, senón que, con realismo, con paciencia como bo mestre, abre a novas espectativas. Acoller a Palabra é deixar que sexa unha lectura profética da vida.

3.- Acoller a Xesús abrindo as portas da casa e sentarse á mesa e integrar a súa presenza no máis íntimo da nosa vida. A Eucaristía, a Fracción do pan, converte o fogar nun lugar eucarístico, nun lugar de vida e agradecemento, de loanza e luz. Partir o pan na casa é deixar ao Señor entrar no máis íntimo de nós mesmos.

4.- A Eucaristía é provocativa. Saír para compartir o feito de que o Señor está connosco. Ratificar coa comunidade que é certo, Cristo está no medio de nós.

5.- Como peregrinos deixemos que o Señor camiñe connosco.

Feliz domingo

Xabier Alonso

No hay comentarios:

Publicar un comentario