jueves, 9 de julio de 2020

SAN BIEITO: ORA ET LABORA, e todo o que ven despois


Na cercanía da festividade de San Bieito comparto convosco estas letras

ORA ET LABORA
Este é o lema tan coñecido da Regra monástica de San Bieito. Como ben sabedes, a vida dos mosteiros non se reduce a isto, pero resúmeo. Creo que no momento actual a vida dun mosteiro ten moitas lecións que ensinarnos:

1.- Saber vivir en comunidade. Unha das grandes riquezas dos mosteiros. Integrarse nun grupo humano xa feito, arraigado a un lugar, un espazo, unha historia, un estilo. Integrarse non anula, senón que enriquece, compleméntanos, axúdanos a medrad a todos, descubre os valores persoais e de grupo.

2.- Estabilidade. Os monxes e monxas, coa súa estabilidade nun mosteiro, saben que estarán aí para sempre, ata que fallezan, será o seu fogar. Nunha sociedade tan cambiante, que aturde e embriaga nos atractivos do novedoso, o mosteiro ofrece un saber estar na lonxitude do tempo. Da unha visión serea da vida.

3.- Unha meta común. Non medramos so como individuos, senón en camunidade. Camiñar xuntos, atopar xuntos a vontade de Deus, arriscar xuntos, equivocarnos xuntos, perdoarnos, comprendernos. Amar xuntos en Cristo.

4.- O silencio. Cando se entra nun mosteiro respírase unha paz exterior e interior. Facer do claustro, do interior do mosteiro unha imaxe da propia vida na que se contempla o misterio da beleza do corazón.

5.- Labora. O traballo. Non é so para a supervivencia. É a colaboración coa tarefa creadora de Deus. É a aportación persoal ao ben común, todo se fai para o ben de todos. As capacidades son postas ao servizo da comunidade. Un elemento tamén necesario na nosa sociedade.

6.- A oración. Saber contemplar desde o corazón de Deus a vida, a historia, o bo facer do Amado que nos acompaña. Orar desde a escoita.

7.- Descanso. No ritmo do día, tan ben diseñado do mosteiro o horario tamén ten a súa pedagoxía. Centrarse no corazón, na oració, no traballo, no que estou a facer agora mesmo, esixe estar exento de andar ás presas para ir para onde non sabes, chegar a onde non queres, facer o que non buscaches. O estrés social ven dado do desorden. Cada día ten o seu afán. É tempo de reclamar que cada semana teña o seu día de descanso, un ocio sen explotación laboral, unha racionalidade do traballo.

8.- Confinados. Durante estes meses de confinamento, os mosteiros foron un espello no que poder aprender a como vivir toda a vida dentro dun mesmo espazo. E o máis sorprendente, gustarche. Pois cando poidas pregunta nun mosteiro e daranche a clave.

9.- Alegría. Algo que sorprende ao entrar nun mosterio, unha sera ledicia de que a vida é fermosa. A vida vívese e está chea do amor de Deus.

10. Misión. Os mosteiros están no mundo e dan unha visión da vida, da fe ao mundo. Non so fan dulces e licores, son presencia, signo de amor. Vida.


Xabier Alonso


No hay comentarios:

Publicar un comentario