domingo, 18 de diciembre de 2022

SOÑOS DE DEUS

 


Un soño, un camiño. Non o certeiro que buscamos ansiadamente, senón o angueiro que se abre por quirincostas empinadas, que nos obriga a extremar o esforzo. Os montañeiros cando chegan ao cumio dun pico erguen os ollos, e máis arriba xa non hai máis, a satisfacción do camiño andado, o esforzo ten a súa recompensa. Pero para isto adquiriu unhas destrezas, sentiu a fonda chamada da montaña, exercitou o corpo, dispuxo o materiar axeitado, e un labor de equipo. Chega á fin, pero todo estaba programado para isto. 

Os vieiros de Deus sonche ben distintos dos nosos. María e Xosé estaban a facer un proxecto de vida de namorados. Corazóns xemelgos no amor dun polo otro e dos dous en Deus. Desde as súas pobrezas materiais, pero cun corazón rico sobreabundantemente de fe, puxeran nas mans de Deus as súas vidas para ser unha familia xudea fiel aos mandatos do Señor. Pero o Señor abre o camiño a unha meta insospeitada, un soño imposible para os homes, unha tarefa desbordante, un labor sen fin. E María acepta enxendrar ao Fillo de Deus nas súas entrañas. Unha nova creación anunciada polos profetas, unha nova humanidade esperada polo pobo e o pobre, unha nova xustiza, pois Deus faise salvación nun coma nós, na fraxilidade, un renovado amor pois xa é un connosco. 

E Xosé queda no seu corazón golpeado, ferido que o amor quere superar, unha dor que o seu corazón quer sandar. E durme, pero non no pesadelo da violencia, senón na confianza do home xusto. E Deus amósalle un camiño, "non teñas medo". 

Está a rematar o advento. Desde antes de que comezara as rúas xa estaban a chamar pola ledicia. É tan fonda a tristura, o vacío e os medos, os camiños mezclados que non saben a onde ir, que necesitamos descumbrarnos. Non importa os gastos, importan os beneficios, non importan os consumos de carburantes nin as emisións de CO2 polo trasego de vehículos, importan os números de turistas, de dormidas; o que durme na rúa é invisible, o que transita entre a vida e a morte nun hospital é un alleo; o ferido no seu interior é un solitario; a familia desfeita na violencia é unha cifra. E dicimos a boca chea solidariedade, e os restos para os que non teñen rostro, nin historia, nin voz.

O camiño ninguén dixo que fora doado, pero ben é certo que o mundo o pon cada vez máis complicado.
Hoxe a Boa Nova é sermos soños de Deus no seu corazón amoroso

Feliz domingo

No hay comentarios:

Publicar un comentario