domingo, 3 de enero de 2021

FEITÍO DA VERBA (A Palabra fíxose carne)

 


FEITÍO DA VERBA

E a Palabra fíxose carne, e tomou corpo no tempo, na historia, nun lugar, nunha carne, na nosa. A nosa vida fíxose máis vida e a Vida tomou,non prestado, senón da súa feitura a quen lle dera vida. A palabra, a Verba, non é berro alleo, discurso baleiro, obriga impositiva. A Verba é sabedoría, que actuante e actual que realiza coa súa voz pregaria de creación. Pois no comezo, cando non había feitura resoou a palabra e dixo “fágase” e foi feito, fíxose. Desde o universo inabarcable á pinga da choiva, desde o ceo infindo ata a profundidade. Todo o que rebule e está quedo. Pero rematado o feito xa falou a si mesmo e dixo para si “fagamos”, pois agora é imaxe e semellanza. É darlle existencia a quen participa do facedor. Xa non é singular senón feitura de pleno amor.

E nunha mañanciña ao alborexar do día houbo unha conversa do corazón. Fagamos ao Fillo, infindo do amor, feitura fráxil, pequena e débil nun cativo pequerrecho. Fagamos, dixo Deus, e María dixo si. E desde entón Deus está no medio de nós e nós somos Nel. É o si da nova creación, humanidade de barro que abraza o oleiro con cariño de facedor.

E hoxe, neste Nadal, unha vez máis Deus achégase e diche, fagamos. Deixa facer a Verba eterna en ti para ser feito de verba humana en Deus.

A verba é comunicación, encontro, diálogo (dia-logos). Hoxe o Señor di falamos.

A verba é identidade, ser un e nós, e nós en un. O Señor di sermos.

A verba é luz, se hai luz non hai tebras. O Señor di luzamos.

A Verba, Cristo Xesús, pola acción do Amor pleno, Espírito, faise Verba encarnada e convértese en caricia, tenrura, misericordia e perdón, faise servizo, entrega e doazón.

Dános María ser recinto de vida da Verba que se fai feitío en nós.


No hay comentarios:

Publicar un comentario