sábado, 2 de enero de 2021

CARTA AOS ROMEIROS E PEREGRINOS DA FRANQUEIRA


CARTA ABERTA 
AOS ROMEIROS E PEREGRINOS

Santuario da Nosa Señora da Franqueira

Benqueridos irmáns e irmás

No inicio deste ano 2021quero dirixirvos unhas letras de agradecemento, ánimo e confianza. Finaliza un tempo nada doado de asimilar e cheo de dificultades que se foron sucedendo nos meses e que configuraron un relato que para nós era inimaxinable. Quedarán para sempre na nosa memoria e no corazón semanas que se foron convertendo en meses de incertezas, dando paso aos medos interiores, así como a necesidade de compaxinar a obrigación de estarmos pechados nos fogares coa intuición interior e a necesidade de sairmos ao encontro dos demais. Apoiámonos mutuamente puxemos como valedor da nosa debilidade a fe cunha confianza infinda no amor entrañable de quen nos acompaña na peregrinación da vida: o Señor.

Vivimos unha coresma única. Unha camiñada polo deserto do corazón, sentindo o desalento e o silencio, ansiando a liberdade que da o perdón e adentarnos na Pascua para nacer de novo. Non foi doado, pero paseniñamente, deixamos que a Palabra nos dera a guía e o senso do noso andar.

Non o pensabamos, pero foi así, as Celebracións da Semana Santo foron un fondo silencio que se uniu en pregaria universal. Cantos de nós tivemos un no na gorxa ao pregar xunto ao Papa Francisco na praza de San Pedro. As redes sociais foron o medio de encontro e reflexión, as celebracións televisadas nos centraron no esencial, o teléfono axudou a escoitar a voz dos nosos

O santuario da Nosa Señora da Franqueira converteuse na ollada esperanzadora de moitas persoas. Desde os seus fogares seguiron conectados e foron moitos os que enviaron as súas pregarias. Unha vela acesa no altar é símbolo da oración polos enfermos e vítimas desta pandemia. En cada Eucaristía seguen a estar presentes.


Pascuillas

Foron pasando as semanas do tempo pascual e cada día supuña unha esperanza a apertura. Nos primeiros días de maio a incerteza estaba connosco. O calendario ía achegándonos á Romaría das Pascuillas. E finalmente tivemos que dar a nova de ter que celebrar desde os fogares e as parroquias esta festividade. As medidas foron estritas e a resposta foi a adecuada. A través da internet fixemos a conexión en directo e deixou en evidencia as dificultades para lograr un bo resultado. Os profesionais que viñeron cos aparellos necesitaron unha reserva no satélite para poder facer chegar unha Misa aos fogares. Días previos na canle habilitada na páxina web axudaba a celebrar a novena. Foi un esforzo que supliu as barreiras que temos no rural e que impiden o seu progreso. Desde aquí reivindicamos  unha aposta pola mellora das comunicacións. Se fora doutro xeito teriamos logrado mellores resultados, pero por un vídeo de 5 minutos supón actualmente nos dispositivos que temos un tempo non inferior a 2 horas para poder colgalo na rede, e cunha calidade moi inferior ao que se necesitaría.

Foi unha experiencia moi dura de asimilar. O día pasou case en silencio, cos nervios a flor de pel, co corazón encollido. Moitas parroquias celebraron nas súas igrexas este día. As mensaxes eran tristes, pero pondo a ollada na nosa querida imaxe da Virxe.


Caridade

O tempo de confinamento non impediu a atención as familias que acompañamos na comarca desde a nosa Cáritas interparroquial. Non podiamos recibir donativos en especie, pero algunhas persoas fixeron as súas doazóns en metálico e facilitou que poideramos achegar non so alimentos, senón facilitar unha estancia no medio da desolación que provocaba o confinamento. O acompañamento de enfermos e maiores, a escoita, a oración pondoa dor dos enfermos e o labor de tantos.

O equipo de Cáritas volve  a retomar a súa actividade despois de tantos meses e o fai con renovados folgos e desexos de dar resposta máis adecuada á realidade das familias e cun senso máis acertado querendo que cada un se sinta responsable do seu destino e protagonista da súa historia.

Pouco a pouco os romeiros e peregrinos puideron encamiñar as súas pegadas subindo ao Santuario. Familias que veñen cumprir as súas promesas, oracións e bágoas polos que se foron, esperanzas polos que loitan por saír adiante. Se algo hai que destacar é a orden e bo facer de todos respectando as normas e o silencio. Podo declarar que o ambiente que se consegue facilita que poidamos orar con serenidade. Aínda queda moito por facer. É tempo de que xurda de entre os romeiros e peregrinos asiduos un equipo de traballo para preparar as oracións, encontros e celebracións que nos axuden a por no centro da nosa vida o Misterio pascual e a entrar en comuñón coa vida dos irmáns creando vínculos de unidade.


Restauración

No día 15 de agosto, Solemnidade da Asunción de María, foron inauguradas as obras de restauración do Baldaquino do santuario e a imaxe da Nosa Señora da Franqueira. Un traballo de máis dun mes, delicado e constante da restauradora María Vitoria e que logrou recuperar gran parte do esplendor que agochaba o baldaquino barroco e a fermosura da imaxe románica da Virxe da Fonte no seu trono.


Setembro

Chegado a fin do verán viña a Romaría da Natividade. Desta vez volveuse dar a nova terrible de termos que suspender as procesións máis relevantes deses días. A opción foi distinta, non se fixo o esforzo tan grande por manter a comunicación con vídeos, senón que as reflexións foron por escrito e coa posibilidade de que as persoas se repartisen ao longo de todo o mes realizando as peregrinacións.

Quero agradecer a xenerosidade do Concello da Cañiza para poder retransmitir a Misa de Pascuillas e tamén facilitarnos as cadeiras que se distribuían no aro para participar nas celebracións.

Puidemos facer o máis importante: rezar, dar grazas, por a nosa vida nas mans do Señor, confiar e deixarnos acompañar pola nosa Nai María.

A experiencia deste ano faime repensar a necesidade de por maior empeño en acompañar aos peregrinos no seu camiño cara ao santuario. Necesítanse persoas que, coñecendo os camiños de peregrinación estean dispostos a facer un proxecto neste ano de sinalización e realizar peregrinacións con pequenos grupos facendo do camiño un lugar de encontro espiritual. Do mesmo xeito precísase reconducir a posibilidade de que os romeiros e peregrinos teñan á súa disposición un albergue no que descansar, e agora, máis que nunca, un espazo para o silencio e a reflexión, a oración agradecida ao finalizar o camiño.

Neste ano quedou unha pegada visible da celebración da Romaría na fermosa imaxe de pedra que preside o lugar do Outeiro. Unha obra de máis de 3 metros de altura e 8 toneladas de peso e que representa a Virxe da Franqueira no medio dos penedos. Unha obra realizada polo bo feitío de Xoán Vázquez e que foi bendicida polo noso Bispo D. Luis.


Voluntariado

Quero dar as grazas a todas as persoas que de xeito desinteresado se puxeron ao servizo da Virxe da Franqueira para facilitar o desenrolo das celebracións. Moitas grazas. Foron días intensos, pero non so polo que había que facer, senón por ter que facer tripas corazón ao vernos obrigados a vivir estes días dun xeito tan diferente.

Moitas grazas e é o meu desexo abrir a tantas persoas a que descubran a súa vocación ao servizo dos peregrinos como unha resposta de fe, de vida cristiá, de construción da Igrexa pobo de Deus e comunidade de esperanza.


Novos tempos

Algo está a mudar en nós. E desde aquí quero convidarvos a facermos un relato deste tempo desde a ollada da fe que nos ofrece María. Permitirme que poña nesta carta diversas propostas para abrir novas respostas desde este faro de luz que é o santuario.

O ano pasado as parroquias non puidemos facer a nosa peregrinación das Pascuillas. Polo de agora, aínda non se poden celebrar cultos externos e procesións, e tal e como se desenvolven os feitos, posiblemente teremos que aceptar unha vez máis que as cousas non sexan doadas. Para ese día, que será o 24 de maio, será necesario ir vendo a mellor forma de participación das parroquias e que sexa realmente unha manifestación de fe renovada na intercesión da Virxe María.

Este ano que acabamos de iniciar está declarado ano de San Xosé e tamén das familias polo papa Francisco. Creo que é tempo de comezar un labor evanxelizador da vida matrimonial e familiar. O coidado dos fogares foi unha das tarefas que quedou marcada en nós, horas e horas na casa cos nosos, polo tanto recuperemos a fala do corazón e a ollada sincera. Queda un longo camiño.

Este ano e o 2022 son xubileu compostelán. Aínda que non se poidan facer grandes encontros, pero considero que se podería buscar a fórmula máis acertada de peregrinar á tumba do Apóstolo.  Non quixera que neste tempo ás veces tan desalentador non foramos quen de renovarnos a fe e revivir en nós a caridade.

Quero ilusionarme con que este novo ano sexa a oportunidade de fornecer unha comunidade de mocidade ao carón da Virxe María. Ben sei que moitos xoves queren facer a súa peregrinación ao santuario. Creo que, como apuntei antes, este será un dos aspectos a traballar. Considero importante que os camiños que conducen ao santuario se convertan en oportunidades de silencio e contemplación, de oración e encontro con un mesmo, de imaxe da nosa propia vida. Hai anos comencei a deseñar este proxecto de camiños espirituais e creo que podemos levalo adiante.

Algunhas persoas manifestaron a vontade de participar nas actividades de Cáritas interparroquial e facerse voluntarias. Abramos o corazón e a mente e deixemos que o Espírito siga a inspirar. Moito podemos facer e moito nos queda por facer.

Non podo esquecer as novas tecnoloxías, camiño de encontro, pero que necesitamos de axuda de  quen entenda ben este mundo e nos facilite a comunicación con tantas persoas que botan de menos non poder vir ao Santuario. Que as plataformas dixitais sexan un santuario virtual

Co lema “Pobo de Deus, Comunidade de Esperanza”, a diocese convídanos a que traballemos pola comuñón e a fraternidade. Unha palabra: se nós, que profesamos a fe, recibimos o agasallo da esperanza en Deus e somos chamados a vivir a plenitude do amor, non movemos o corazón, non transmitimos vida, non temos unha ollada confiada de futuro, quen o vai facer? Nós, que cremos na eternidade, e nos movemos na mirada da misericordia, que sabemos do perdón e somos amados ata a fin, non pomos amor. Quen o vai facer? Pensemos que xa chegan tempos de sermos testemuñas.

Esta primeira carta está aberta e dirixida a todos. É unha primeira intuición. Invito a que pensemos en cal é a nosa resposta. Se queres compartir inquedanzas. Se queres abrir camiños. Se queres participar non esperes a mañá.

So quero por todo o que está por vir nas mans da Virxe María. Nela quero confiar a tarefa renovada e renovadora deste ano que temos comezado.


Xabier Alonso Docampo

609472591/ info@afranqueira.org


No hay comentarios:

Publicar un comentario