lunes, 28 de marzo de 2016

O prezo da fidelidade

A MINADA

O PREZO DA FIDELIDADE

Non deixa de sorprendernos a violencia coa que actúan algunhas persoas e que poden mobilizar as sensibilidade de millóns de cidadáns. Os actos terroristas contra as persoas inocentes non nos pode deixar indiferentes. Pero a nosa resposta, a do cristián, non pode ser a dun sociólogo, un estadista, un politólogo que tan de moda están, ou a dun intelectual tertuliano dos medios. A nosa resposta nace da misericordia, e so o amor, poderá transformar e vencer o corazón violento que so entende de armas e sangue. Atopámonos nunha encrucillada difícil de solucionar. Non é doado, polos diversos intereses que se esconden ao común dos mortais, económicos, estratéxicos, ideolóxicos... todo por poder, ganancias, a costa do que faga falta.
Hai unhas semanas pechaba na concatedral de Santa María de Vigo a exposición da Asociación Axuda a Igrexa Necesitada sobre os Cristiáns perseguidos. E neses días asasinaban a un grupo de relixiosas da Caridade en Iemen xunto a un grupo de anciáns. Noticia que, xunto aos centos que son martirizados no mundo pasan desapercibidos ao gran público. Mentres Europa segue a conmocionarse ante os atentados de París e Bruxelas, case un centenar de cristiáns son martirizados en Pakistan, maiormente mulleres e nenos, na celebración da Pascua. As fronteiras seguen pechadas e as familias seguen a fuxir dunha guerra que é o taboleiro de xogo de varios países. O Papa Francisco lembrounos no Vía Crucis do Venres Santo en Roma, e na Bendición Pascual, o complicado escenario no que se converteu o mundo actualmente. Unha nova chamada a todos a asumir a nosa responsabilidade, a responder desde a fe.
¿A nosa resposta? Segue a ser a da misericordia. Deus vence desde o amor. O incomprensible de que o Fillo sexa entregado nas mans dos homes, que Deus sexa condenado á morte, segue tendo actualidade nos rostros dos que se abrazan á cruz. Esa cruz é a da vitoria, a que florece en fermosura, flor e froito de vida no Resucitado. A fidelidade paga un alto prezo, pero o premio é o da vida. Fieis no amor, no perdón, no desexo de sermos pregoeiros da Boa Nova, Cristo vivo.
Temos a oportunidade de estarmos preto deles a través do xesto diocesano, orando e dando a nosa esmola para os refuxiados e os cristiáns perseguidos.

Feliz Pascua

No hay comentarios:

Publicar un comentario