sábado, 30 de agosto de 2014

Subida ó Coto da vella (Crónica)

Esta noite pasada un nutrido grupo de peregrinos temos realizado a VI peregrinación para xóvenes que organiza o Santuario da Nosa Señora da Franqueira. Un camiño nocturno que nesta ocasión, como o ano pasado, saímos ás 11 da noite desde o Santuario para encamiñármonos cara ó Coto da Vella, o lugar conforme á tradición sitúa o achado da imaxe da Virxe da Fonte da Franqueira. O grupo, de máis de 100 peregrinos, comezamos con bo ánimo. A idea era abrirnos paso por un antigo camiño, peroas últimas choivas e o paso dalgún tractor impedíunolo. Seguimos ruta pola estrada ata coller a subida ó Vía Crucis. As indicacións eran deixar so acesa unha luz que nos guiara, pero o excesivo da subida, o alongamento da ringleira, o cansanzo a medida que ibamos subindo, fixo que o grupo se fose alargando cada vez máis e foron facéndose maís as luces que se acendían. A noite, preciosa e estrelada, permitía vermos un ceo único. Na chegada á Cruz fíxonos pensar no dificil que nos resulta na vida sermos confiados,e deixarnos guiar. Por iso non é doado vivirmos na fe, pois coa experiancia de nós mesmo, dámonos conta de que ás veces imos perdendo de vista a luze queremos seguir ó noso antollo, crendo que chegaremos antes. 

O exemplo de María na lectura do texto da Visitación valeunos para atopar Nela o modelo de "saír de nós mesmos para ir ó encontro do irmán que sofre". A peregrinación da fe supón saír levando o mellor agasallo, que é a presenza do señor, para levar, como María a legría e a paz. ¿Qué levamos nós ós demáis?. So podemos levar o que temos.

Agora, xa case no cumio da montaña, seguimos ruta cara ó Coto da Vella. Xa imos con desexo de atoparnos coa nosa Naiciña. Alí, coma sempre, no medio daqueles penedos, estaba a imaxe na nosa espera. A oración do magníficat, a oración que canta María na visita a Isabel, xunto con algunhas invocacións, axudounos a centrar a nosa pregaria, que no silencio fixemos cada un de nós. A oración final e o Ave María foi a fin deste camiño.

O regreso foi máis tranquilo, fomos polo curro, e sobre as 2,30 da madrugada xa estabamos no local para comezar a degustar un quentiño chocolate.

Gracias a todos os que participaron nesta pequena peregrinación. Perdón polas deficiencias que poidamos ter e esperamos vérmonos para o próximo ano. Seguramente na vindeira edición comezaremos un pouco máis cedo.

Que a Virxe vos acompañe e axude a todos. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario