SEMENTEIRA DE VIDA
Hoxe o evanxeo do domingo relátanos un dos textos máis coñecidos, a parábola do sementador. Entra dentro das parábolas do Reino e coa ventaxa que é o mesmo Xesús quen lle da a interpretación.
Sae o bo do sementador a espallar a semente, esperando como todo bo traballador que dea froito de abondo. Pero a extrañeza está na sobreabundancia da sementeira, deixa que a pequena semente caia dun lado ao outro como rebosando desexos de que toda a terra sexa terra fecunda. Xa non parece importar que haxa camiño, pedras ou silveiras, todo está na terra, todo na súa orixe, foi chamado a ser terra boa. Deste xeito Deus non fai acepcións, todos somos chamados a recibir do Señor unha e outra vez, sementes de Palabra que poden atopar corazóns que de boas reciben a Palabra, pero unha suxestiva tentativa do maligno, e xa escapa toda esperanza. Ou pedras, terra sen fondura, que viven nas presas e na inmediteza, que a constancia é unha verba descoñecida, e a semente queda seca e sen máis vida que a que da un tempiño de ilusión. Ou cae sobre silveiras, eses enredos e voltas e rebiravoltas nos que nos eredamos, dando razóns baleiras e preocupacións fugaces a desexos que non dan máis que insatisfacción.
Ser terra boa, como María, abertos, dispostos ao futuro, traballados polas virtudes que nos descubren o noso ser verdadeiro. Terra que vai sendo agarimada polo alento e a calor do Espírito, terra coidada cada día coa frescura e a vitalidade da auga viva do manancial do amor. E así, co labor e o desexo dunha esperanza nacida na búsqueda do ben e da verdade, cada verba saída de Deus convértese en forza inmensa de facer presente o Reino que procede do Señor.
María, fainos terra boa, sementeira e colleita dun pobo que espera e que camiña. Pidamos neste día polo grupo de mozos e mozas que nesta tarde van recibir o Sacramento da Confirmación das mans do nos Sr. Bispo D Antonio. Mocidade de Prado da Canda e A Franqueira que son a terra boa da sementeira da Palabra polo Espírito.

No hay comentarios:
Publicar un comentario