domingo, 23 de octubre de 2022

LEVANTAR AO DERROTADO

 


O ensino de Xesús é ben distinto do estilo no que nos movemos nós. Cando nos decatamos das conductas e actitudes incorrectas dos demáis somos quen de indicar con poder e poderío o que debe ser o correcto. Desde que son nenos dicimos aos fillos o si e non da vida. 

En troques, Xesús, lonxe de porse nun estrado xulgador, observa e propón desde a narrativa non un conto aleccionador ao estilo dos contos infantís que teñen como meta unha moralexa instructiva, senón, que Xesús, abre unha fenda no corazón co atractivo de describirnos ao mesmo Deus na súa fondura. Así, o recoñecible relato do fariseo prepotente e orgulloso que reza pondo diante de Deus as súas virtudes, fronte ao humillado recadador que axeonllado non ergue a testa e golpèa o peito pedindo perdón, son colocados diante do mesmo Deus que se nos manifesta coma o que toma opción polos pecadores e desterrados, polos mal vistos e desprezados. Xesús segue a tradición dos relatos ao estilo do seu pobo, cousa que nos acabamos convertendo en moralinas insufribles que nos acaban convertendo en inspectores de conductas e mallando en nós mesmo chegando a cotas de autodesprezo que non son humanas. Cal é o obxectivo da narración? Proclamar unha Boa Nova que vai dirixida aos que se cren moi seguros de si mesmos e desprezan aos demáis. Ou é que Xesús non quere que se salven os prepotentes? A Boa Nova é que Deus da sempre unha nova oportunidade á nosa conversión, que non está pechado ao amor. Que non nos autoxustificamos, que non somos autosuficientes nin autoreferenciais, senón que é el quen nos da vida e nos ofrece a  vida nova do perdón. Que o máis pecador está chamado a sandar e experimentar o amor misericordioso. Que Deus devolve a dignidade perdida a quen se sente na fochanca da podredumbre e se perdeu, para sentalo na mesa do Reino. Por iso a escoita de Deus vai dirixida ao que é sincero na pregaria, se recoñece a si meso, descubre a súa fraxilidade e pide con humildade o perdón. Diante de Deus non temos máis que ser sincero, Deus detesta a mentira e dóelle que nos mintamos a nós mesmos.

Hoxe celebramos este domingo da Evanxelización, o DOMUND, abrindo a nosa ollada aos pobos todos da terra e testemuñar ao mesmo Salvador que ven traernos a vida a todos.

Feliz domingo
Xabier Alonso

Do evanxeo segundo Lucas

Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
‑Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario