jueves, 4 de agosto de 2022

PERDOADOS NO AMOR


 Necesitamos espazos de encontro, escoita, acollida, comprensión e perdón. E isto é o que desexo cada día que poida ser as nosas parroquias e o santuario da Virxe María. Por esta razón, hai dez anos, o noso pequeno recuncho do mundo, este antigo santuario da Franqueira ten unha ollada ampla e universal. A Penitenciaría Apostólica concedeu o 24 de abril de 2012 o Vínculo Espiritual coa Basílica papal de Santa María a Maior de Roma. Deste xeito, os peregrinos e devotos da Franqueira poden vivir en determinadas datas o gozo da Indulxencia Plenaria. Neste día, en que se celebra a Festividade da Dedicación da devandita basílica, coñecida a súa festa como a Virxe das Neves, estamos unidos a través da celebración gozosa da Reconciliación e a Eucaristía. 

De qué me teño que confesar? Eu xa me confeso con Deus. Eu non teño pecado. Non necesito contarlle os meus pecados a un home como eu. Son frases ben coñecidas por todos e que miñaron de tal xeito a nosa cotianidade que fomos facendo do Sacramento un extraño patíbulo no que colocamos con anguria os nosos pesares e defectos e nos flaxelamos impetrando perdón ao xuiz. Lonxe de tal. Antes de nos adentrar no agobio de sabermos que rompemos os vínculos de amor con Deus, cos irmáns e coa creación, Deus xa está ña nosa espera. Antes de esbozar un lamento por sentir o silencio da nosa perda interio, xa o Pai Bo está susurrando un "Quérote". Antes de manchar as nosas mans de violencia e rexeitar o camiño de encontro humano, xa o facedor do ben está a abrir as súas mans para abrazarnos na paz. 

O sacramanto da Reconciliación, do Perdón, da Penitencia, da Confesión... pois mira que ten nomes e ben bonitos... da Paz... ten o centro na Misericordia, no Corazón entrañable e maternal do noso Deus. El non cansa de nos perdoar, non agota a súa piedade connosco, non alonxa o seu corazón dos seus fillos. 

Por qué logo teño que confesar? Porque o Corpo de Cristo, a Igrexa, dóese de que os fillos estean tristes, de que os seus membros estean doentes e o Bo Samaritano quere sandalos co consolo e a paz. Falar do corazón non so é terapéutico, senón que a acción do Espírito Santo é provocativo, provoca en nós un efecto saudable. O Misterio do seu amor adéntrase de tal xeito en nós que nos fai recuperar a beleza e a frescura do amor primeiro, a vitalidade de quen se abre a esperanza. Porque necesitamos celebrar en comunidade que somos fráxiles, vulnerables, débiles, ante un mundo prepotente que se pensa ser os mellores para dicirlles co testemuño da reconciliación que sen El non podemos nada e que todo somos en El.

Vémonos no altar do perdón irmáns.

2 comentarios:

  1. ¡Qué hermosa reflexión! Y qué difícil es convencer a nuestros seres queridos de la belleza del sacramento de la reconciliación. Qué difícil es. ¡Que Dios nos ayude a todos!

    ResponderEliminar
  2. Que bien te sientes cuando tienes un encuentro con el Señor y te sabes perdonado y amado.

    ResponderEliminar