María; naiciña xove, radiante, co teu esposo Xosé, fiel, xusto, honrado; así, en plena mocidade, coas ilusións da que está por vir, coa entrega do mellor; así, vos presentades naquel templo. Todos admiraban a grandeza da súa construcción, e vós, desde unha aldea da Galilea dos xentís, estaríades erguendo a vista, contemplando cada detalle, observando a fermosura da cantería, a exquisitez dos seus exvotos. Mezclados no barullo das xentes que ateigan o sacro recinto. V´ços, acostumados ao silencio inquedante do fogar do artesano, das montañas, aínda co susto dos pastores que viñeron a ver o neno, dos Magos que o adoraron, agora queda un novo paso.
Alí rexurde a palabra profética impulsada polo Espírito, Simeón e Ana, uns vellotes que recibiran as promesas dos pobres: ver a Salvación. E é o Espírito o que fai posible, que, entre todos os meniños que veñen presentar, sexa éste, o de esta pobre parella que levan a ofrenda dos pobres.
Agora, somos nós, de mans de María e Xosé, de mans da familia, das mans dos crentes e deixándose levar do mesmo Espírito fecundante e vivificador, que neste meniño somos presentados. Non somos alleos a sermos consagrados en Cristo, elevados ao Pai, para sermos luz das nacións, o novo Israel, lumieira de esperanza nun mundo en tebras. Agora, únense no templo, o que será o novo templo, o corpo sacrificado, glorificado do Fillo. Agora, unidos en ofrenda para entregar ao Pai a quen trae a Paz.
María, Naiciña nosa, cóllenos no teu colo e fainos sentirmos preto do ceo, a beleza do templo son as pedras vivas da gloria do Pai.
Cruz e gloria, ofrenda e vida, luz eterna para un novo pobo.
Feliz día
Xabier Alonso
A Franqueira
02-02-17
No hay comentarios:
Publicar un comentario