jueves, 5 de mayo de 2016

GUIA PARA VIVIR O XUBILEO DA MISERICORDA NA FRANQUEIRA



XUBILEO DA MISERICORDIA NA FRANQUEIRA
"Con María, facemos o camiño da Misericordia"

Introducción

Peregrinar ao Santuario da Franqueira é unha oportunidade única
para obter a “fortaleza na fe, seguridade na esperanza e constancia no amor”
de mans da Nosa Señora e a quen proclamamos Raíña e Nai de Misericordia.
É saír dos nosos fogares, das nosas cousas e do noso ámbito, para poñernos en camiño.
Estamos a celebrar o Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia e son moitos os matices e invitacións que nos fai un Xubileu como este. Presentamos de xeito moi sinxelo os aspectos máis salientables da celebración xubilar no santuario da Nosa Señora da Franqueira. Convidamos a vivir cada un dos momentos con intensidade e renovando a nosa vida en Cristo, rostro misericordioso do Pai.

1.- A Peregrinación
O camiño ata os pes da Paradanta non é doado, supón un traballo e un sacrificio. É un camiño que nos debe facer pensar. É unha oportunidade para a oración silenciosa e acompasada polo ritmo do noso camiñar. Neste ano enviamos unhas tarxetas para fotocopiar e repartir entre os participantes. Recollen algunhas suxestións de lectura do Evanxeo desde as obras de misericordia, así como unha proposta de oración e unha lembraza á Virxe.
Invoca a María, Nosa señora da Franqueira, ela Peregrina da fe, acompaña o vieiro da vida. Pídelle que co seu amor materno che axude a estar ao carón dos peregrinos “refuxiados, inmigrantes e perseguidos” deste mundo

2.- A chegada
Dispoñedes de aseos, duchas e vestiarios para asearse, pois unha das obras de misericordia é acoller ao peregrino. Pero asemade destas cuestións prácticas, dispoñede o corazón para atoparse coa Virxe María. Antes de nada da gracias por rematar o camiño, e, pedide a inspiración do Espírito Santo para entrar ao encontro co Pai Misericordioso.
Invoca a María, Nai agarimosa, ela espera no seu fogar polos fillos. Pídelle que che axude a ser membro activo da comunidade de irmás, que é a Igrexa

3.- A Porta da Misericordia.
O templo da Nosa Señora da Franqueira, polo seu vínculo espiritual coa Basílica Papal de Santa María a Maior de Roma, goza do privilexio de ser lugar de perdoanza permanente. Pero neste ano Xubilar con maior intensidade, se cabe. Por ser templo onde se gañan as gracias xubilares, a porta principal está declarada Porta da Misericordia. Antes de entrar nela, fixándose na súa fermosura artística e a linguaxe que nos transmite, pódense facer as oracións que están a ambos lados. Damos grazas a Deus porque en María amósanos a Porta do Ceo e convídanos a dispoñernos ao perdón e á misericordia, para sermos nós tamén misericordiosos. Entra no templo, orando, en silencio e contemplando en María a Nai misericordiosa.
Cristo é a porta, entrar Nel é ter vida. Invoca a María, Auxilio dos cristiáns, para dar grazas polo bautismo e renovar a fe recibida.

4.- Camiño de Conversión

O Para Francisco insiste na necesidade de descubirmos o corazón inmenso de amor do Pai que quere perdoarnos e facernos partícipes do gozo da reconciliación. O camiño feito é unha invitación a recapacitar sobre a nosa vida. Tanto dentro do santuario como na capela da penitencia están sacerdotes a disposición dos peregrinos que desexen recibir o Sacramento da Confesión. Hai esquemas de exame de conciencia e explicacións sobre o sentido da Indulxencia neste Xubileu.
Achégate a María, Refuxio dos pecadores, pídelle a gracia dunha sincera conversión. Achégate aos irmáns para levarlles a misericordia no perdón, na paciencia, na corrección fraterna e na caridade.

5.- Pasar por debaixo da Virxe
Desde moi antigo existe a tradición de pasar por debaixo da imaxe da Nosa señora. É unha oportunidade para facer dun xesto, expresión do que sentimos e queremos vivir. Pódese rezar a seguinte oración que está considerada a máis antiga dedicada á Virxe. En María, misericordiosa, atopamos acougo.
Baixo a túa protección acollémonos,
Santa Nai de Deus;
escoita con agarimo as súplicas
que che diriximos nas nosas necesidades;
líbranos sempre de todo perigo,
ouh Virxe gloriosa e bendita.

Revestidos en Cristo somos criaturas novas. Agarimados no calor da Nosa Naiciña lembra na oración ós que están espidos e desamparados, aos enfermos e desvalidos.

6.- Participar na Eucaristía
Dinos o Concilio que a Eucaristía é a “fonte e o cumio da vida cristiá”. Xunto con toda a Igrexa peregrina damos grazas, loamos e bendicimos. No banquete da Eucaristía sacia a nosa fame e únenos na caridade.
Como Xesús que sentiu compaixón pola multitude, “pois estaban perdidos e derreados como ovellas sen pastor”, pide á Virxe María, Divina Pastora, que che conceda un corazón compasivo para dar de comer a quen ten fame.

7.- Beber na fonte
Así como nos entra sede no longo do camiño, sentimos sede no camiñar de cada día. Achegarnos á Fonte da Virxe é saciar a sede do peregrino, sede de amor e unidade, de comuñón e perdón, de paz e alegría. Beber e lavarse, ser; despois de participar nos Sacramentos da Vida, a Reconciliación que nos sanda e a Eucaristía que nos alimenta; quen de achegarse a María, Divina Fonte de Gracias, e fortalecerse para regresar a casa sendo testemuñas do amor que actúa en nós.
Reza a Salve Raíña con devoción. Conságrate a María, Virxe da Fonte, para achegarte a quen pasa sede, e ser quen de levar a auga viva que é Cristo.

8.- Vivir a Misericordia.
Proclamamos a María, Raíña e nai de Misericordia. Ela descubre, desde a humildade, a Misericordia do Pai que a escolleu para ser a Nai do Salvador. Con prontitude, levando nas súas entrañas ao Fillo de Deus, sae a servir a quen precisa axuda. Visitando á súa curmá Isabel leva a ledicia e a esperanza, e, pola acción do Espírito proclama a grandeza do Señor.
Finalizada a nosa peregrinación na Franqueira queda levarlles a todos o que temos recibido. Sermos misericordiosos como o Pai é o encargo que nos fai o Papa neste xubileu.
Leva no teu corazón a María, que tivo que fuxir para que non matasen o Neno. Ela que viviu como refuxiada en terras de Exipto. Ela que é Nai dun pobo liberado.
Nesta Romaría tomemos o compromiso de participar no xesto diocesano do xubileu coa nosa esmola aos refuxiados e cristiáns perseguidos.
Felicidades a todos, moitas grazas e bo camiño..

Nosa Señora da Franqueira, Roga por nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario