sábado, 13 de enero de 2024

SER ACOMPAÑANTES NO CAMIÑO

 


Despois de termos celebrado o Nadal comezamos o tempo ordinario. Cada domingo, día do Señor, ofrécesenos a oportunidade de escoitar con agarimo e agrado os acontecementos e as verbas que o Evanxeo van debullando do acontecemento salvador, a presenza de Deus no seu Fillo Xesús.

A palabra de hoxe fainos reflexionar sobre a importancia das mediacións na nosa vida. Elí, o ancián que acompaña na súa madurez a Samuel, axúdalle a discernir a chamada de Deus. Non eran frecuentes as revelacións e Samuel non sabe que lle chama no medio da noite, irrumpindo no sono. Deus chama polo nome. Samuel necesita saber que é o que pasa. Elí axúdalle.

Xoán Bautista indica que é o Año de Deus. Os seus discípulos andaban á busca. E seguen, grazas á mediación de Xoán. Onde vives? Preguntan. Vinde e veredes. Dilles Xesús.

Pensemos na cantidade de persoas, feitos, acontecementos que Deus pon no noso camiño da vida para facermos preguntas, para afianzar as nosas inquedanzas coas respostas. Dicimos: canto me gustaría ser boa persoa como Fulanito, ou ser feliz como Menganito. Ponlle nomes. Cando lemos as vidas de santos, ou reflexionamos na vida de María a Virxe, cando nos admiramos ante a heroicidade de persoas do día a día, ou nos interpelan as decisións de homes e mulleres que entregan a súa vida por unha causa. Pensamos que están feitos doutra pasta, e poden ser mediacións, camiño para chegar á fonte verdadeira da humanidade auténtica, ou da santidade que procede de Deus. Porque o Señor segue a chamarnos para estar con El, para deixarnos facer polo seu amor.

Podes ser ti tamén mediación? O gran interpelante, mediador, espello no que nos miramos e vitral no que se trasloce o rostro do amor de Deus é Cristo. Hoxe digámoslle como os primeiros discípulos, Onde moras? Pidámoslle ao Espírito que nos axude a ser Igrexa que amosa a cada persoa o corazón bondadoso do Pai. Que sexamos a compañantes no camiño da vida de tantos irmáns e irmás do noso eido, do noso mundo.

 

Feliz domingo

No hay comentarios:

Publicar un comentario