EPIFANÍA DO SEÑOR
Benqueridos amigos e amigas. Está a chegar ao seu fin estas datas da celebración do Misterio do Nadal. Días intensos e cargados, non so das emocións propias dos encontros familiares e das actividades que nos reúnen, sobre todo, cos máis pequenos da casa. Senón asemade, días de escoita serea e calma do rumor de Deus que se manifesta na pobreza da nosa condición humana. Ledicia dos ceos para os homes e mulleres de boa vontade, pois nun recuncho do mundo, na noite rexurde a luz da vida. Así son identificados estes días, como festas de luz, de ledicia e caricias, de cantos alegres e mesas compartidas, de agasallos e sorpresas, de miradas e abrazos.
Hoxe manifesta Deus a súa presenza aos Magos chegados de terras de afastadas. Quixera compartir convosco neste día de Reis tres notas:
Buscar, camiñar e adorar.
BUSCAR: é o que fan os magos. Estudosos das estrelas deciden seguir afondando no significado daquela que lles sorprende. Unha inquedanza fonda de querer saber máis e coñecer máis desde as ciencias e as posibilidades humanas. Unha inquedanza, a curiosidade, que abre unha nova ollada da vida e impulsa adentrarse non so no que buscas, senón como o fas e por que. Son moitas persoas que hoxe están dedicados ao campo da investigación e da ciencia, e moita xente nova quere facer desta tarefa o seu labor. Unha tecnoloxía cada vez máis avanzada e con novas tecnoloxías, que nos desbordan no inimaxinable. Necesitamos seguir afondando nesta necesidade de querer saber os por que da vida e do seu misterio, sen caer nunha sensación de ser poderoso ou invencibles. Moitas persoas consideran que hoxe dispomos de moita información, pero iso non é garante de que teñamos unha mellor calidade de formación e as capacidades de poder decidir de forma axeitada. O que podemos saber tamén llo debemos a moitos que traballaron a reo antes ca nós. Para buscar e investigar, para responder ás preguntas que nos facemos, necesitamos unha actitude: A HUMILDADE.
CAMIÑAR: condición indispensable e necesaria. Saír dos nosos recunchos e romper os lindes pondo ao servizo da comunidade o que sabemos e somos. Os magos, ou sabios, sempre pensamos que foron tres. Incluso os pomos de distintas razas e lugares. Lenda e boa nova conflúen no noso imaxinario. Estes sabios non fan o camiño cada un polo seu lado, deciden camiñar xuntos. Crer que podemos prescindir dos demais é un erro. Os magos de Oriente ensínanos a ser comunidade, a por en común, a deixarse acompañar e crear vínculos. Un camiño de universalidade. O camiño que fan os magos vai precedido dunha estrela que os guía, a fe que os une nun único proxecto. Para deixarse guiar necesitamos CONFIAR.
ADORAR: chegados onda o neno o adorna e lle entregan os seus agasallos. Son os magos que lles fan entrega do ouro, incenso e mirra ao que é Rei, Deus e Home. Necesitamos o sentido da adoración, prostrarse diante do Misterio, saber recoñecer a presenza do amor doado, cos magos facemos a ofrenda a quen é o Don máis grande recibido. Es así na Eucaristía. O pornos no altar, adoramos a quen se nos da e facemos a pregaria agradecida sendo entregados co Fillo como ofrenda agradable ao Pai.
Ollada limpa, corazón de neno e sorriso sincero, por iso para ser adoradores necesitamos FACERNOS NENOS
Feliz día de Reis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario